Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 15/06/2025 | Actualizada ás 19:39
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou este domingo o "Estilo Galicia" de facer política, "baseándose na xestión, na busca de solucións a problemas reais e no sentidiño", en contraposición a un PSOE ao que acusou de estar "en descomposición" e "centrado en protexer a corruptos á conta de abandonar á cidadanía". Así o asegurou durante a súa intervención no xantar conmemorativo dos 30 anos de goberno do PP de Vilanova de Arousa con Gonzalo Durán á fronte, un acto no que estivo acompañado tamén pola secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luís López.
Unha intervención na que situou ao alcalde da vila como "referente" dese "Estilo Galicia" á hora de gobernar "con sentidiño, con corazón e sen liortas inútiles". Neste sentido, o alcalde foi reelixido por unanimidade como presidente local do PP de Vilanova de Arousa no 7º Congreso Local, que serviu tamén para conmemorar o trinta aniversario de Durán á fronte do Concello. "Impulsamos un cambio en Vilanova e indiscutiblemente conseguimos levalo a cabo neste trinta anos, pero o máis importante é o futuro porque é ilusión e, por iso, xa estamos envorcados no moito que queremos facer no próximos trinta anos para que o noso concello sexa o sitio máis agradable para vivir", aseverou o rexedor.
Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, tamén destacou a Gonzalo Durán como "un líder referente e con experiencia avalado polo seu partido e apoiado polos seus veciños de maneira mayoritari" e animouno a "seguir mantendo o goberno forte e estable que os veciños e veciñas de Vilanova de Arousa merecen e necesitan". Así mesmo, o presidente provincial do PP, Luís López, sinalou que "parece complicado lembrar Vilanova sen Gonzalo, porque non se entende un sen o outro" e asegurou que "aínda é máis difícil imaxinar que o futuro do municipio non pase polas mans deste gran alcalde".
"INSUSTENTABLE CORRUPCIÓN"
Noutra orde de asuntos, Rueda aproveitou para referirse a a situación política nacional e, en concreto, denunciou a "insustentable corrupción que arrasa ao PSOE e a Pedro Sánchez", aos que instou a "deixar de protexer a corruptos á conta de abandonar á cidadanía". "O que España e Galicia necesitan é un Goberno de verdade, que traballe con seriedade, con cabeza alta e mans limpas", recolleu o PPdeG nunha nota de prensa. Pola súa banda, a número dous dos populares galegos criticou que "os candidatos aos que votaron todos aqueles veciños que elixiron a papeleta do PSOE están a apoiar unha organización delituosa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.