Reforzar diálogo e cooperación con autoridades locais e plantas galegas: compromisos de Rueda e Villares en Arxentina

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, apostou por contribuír a manter este "diálogo fluído" desde a Administración autonómica. Tamén a favorecer a formación cualificada a través de intercambios de coñecementos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2024 | Actualizada ás 19:58

Comparte esta noticia

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen acompaña ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no seu percorrido polo sur de Arxentina e por plantas pesqueiras ligadas á comunidade que traballan no país, constatou "a dimensión e forza" destas firmas, á vez que apostou por reforzar o "diálogo fluído" e a cooperación coas mesmas, así como coas autoridades locais.

Rueda continúa este venres coa súa viaxe a Arxentina e visitou en Puerto Deseado a empresa Vieira Arxentina, así como as plantas de Argenova e as instalacións de Pesquera Deseado. En todo o percorrido estivo acompañado polo responsable autonómico da área de Mar. En declaracións aos medios, o conselleiro salientou que as visitas ás factorías permiten constatar "cal é a dimensión e a forza" que teñen as empresas pesqueiras que traballan no sur de Arxentina "desde hai moitísimos anos", así como comprobar que as relacións coas autoridades locais "é moi boa".

"Creo que a cooperación que se leva facendo durante todos estes anos ten que crecer", apelou o conselleiro, convencido de que o desprazamento ata a zona permite ver "realmente" cales son as capacidades de "crecemento" destas canles de contacto, que tamén desexan as autoridades arxentinas. "Felicitámonos de que sexa a predisposición de todos. Esa predisposición de que, a través dos recursos que temos aquí, a nosa xente siga traballando e da man de todas as persoas de Puerto Deseado, que é onde nos atopamos", proclamou, convencido de que é "fundamental" profundar "neste tipo de relacións".

COMO PODE CONTRIBUÍR A XUNTA?

A preguntas dos medios sobre como pode contribuír a Xunta a favorecer o labor das pesqueiras, respondeu que a produtividade das firmas é unha cuestión que "destacan" os propios gobernantes da zona. Que se vexa a presenza das empresas da comunidade como un factor "moi positivo" para xerar riqueza é, segundo Villares, unha cuestión favorable en si mesma.

A partir de aí, mostrouse convencido de que a "comunicación directa" coas autoridades locais é "moi importante" e apostou por contribuír a manter este "diálogo fluído" desde a Administración autonómica. Tamén a favorecer a formación cualificada a través de intercambios de coñecementos.

Rueda e Villares continúan as súas visitas a plantas pesqueiras do sur de Arxentina
Rueda e Villares continúan as súas visitas a plantas pesqueiras do sur de Arxentina | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta