Cando o gas axuda a financiar guerras: Rusia é o principal exportador de GNL a Galicia

Galiza sen gas denuncia que este gas axuda a rearmar a Rusia e tamén danar o medio ambiente en Estados Unidos, onde se estrae coa nociva técnica do "fracking". Reganosa di que "nin compra nin vende gas, senón que facilita a súa entrada en Galicia a través de Mugardos".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/05/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A plataforma Galiza sen Gas censura a importación de gas fósil a través de Reganosa, que amais de agravar o cambio climático procede na súa meirande parte dunha zona en conflito bélico e de técnicas de extracción extremadamente perigosas co medio ambiente. O gas natural licuado (GNL) importado por Galicia durante 2023 a través da regasificadora de Reganosa en Mugardos procedeu case exclusivamente de Rusia e dos Estados Unidos.

Buque de gas na terminal de GNL de Mugardos
Buque de gas na terminal de GNL de Mugardos | Fonte: REGANOSA - Arquivo

Así, critica que o GNL ruso, extraído en Siberia, contribuíu coa súa venda a financiar a maquinaria de guerra rusa. Pola súa parte, o estadounidense extraeuse sobre todo mediante a moi nociva técnica do “fracking”, prohibida en España polo seu elevado impacto social e ambiental. 

Rusia e os Estados Unidos substituíron nos últimos anos a África como o principal subministrador de gas fósil a Galicia. Dos 29 buques metaneiros descargados na planta de regasificación de Mugardos en 2023, vinte tiveron orixe en Rusia, sete nos Estados Unidos e dous en África.

“Resulta máis que reprobábel e eticamente indecente que sigamos a importar gas fósil que axuda a financiar guerras ou atenta moi gravemente contra o medio ambiente. E máis aínda que o propio goberno galego teña participación económica neste sucio negocio, sen que nin sequera teña prevista unha folla de ruta para o seu abandono, que é imperativo para a loita contra o cambio climático”, afirman dende Galiza sen Gas. 

AUMENTO DO GAS RUSO

As importacións galegas de GNL de Rusia comezaron en 2018, seguindo desde entón unha traxectoria ascendente até chegar a un máximo en 2023. A resposta da Unión Europea perante a invasión de Ucraína por Rusia en 2022 derivou nunha caída das importacións totais de gas ruso na propia Unión Europea, mais as de GNL en particular medraron, gañando peso na actividade da regasificadora de Mugardos en 2023.

Terminal de gas natural licuado (GNL) de Reganosa en Mugardos (A Coruña)
Terminal de gas natural licuado (GNL) de Reganosa en Mugardos (A Coruña) | Fonte: Cedida - EP

Debido a Reganosa, Galicia foi pioneira en Europa tanto na importación de gas ruso desde a península siberiana de Yamal como de gas estadounidense de “fracking”. En 2016 chegou a Mugardos un buque metaneiro procedente dos Estados Unidos, cifra que iría crecendo até chegar a nove en 2022, baixando a sete no pasado ano. A grande maioría do gas fósil estadounidense é de “fracking”, especialmente o exportado desde as plantas de licuefacción da costa do Golfo de México, orixe do destinado ao noso país. 

Galizia sen gas asegura que, segundo os anos, a regasificadora de Mugardos é a única ou a principal vía de entrada do gas fósil en Galicia. "O que recibimos desde Alxeria a través da rede ibérica de gasodutos é pouco ou nada. Isto é un inconveniente desde o punto de vista climático, pois o GNL, ao requirir maior gasto enerxético, é máis intensivo en emisións de gases de invernadoiro que o de gasoduto, o que se acentúa se proceder de “fracking”, xa que esta técnica favorece as fugas de metano", critican.

REGANOSA ASEGURA QUE SÓ GARANTE A SEGURIDADE DA SUBMINISTRACIÓN 

Pola súa banda, Reganosa di que "nin compra nin vende gas, senón que facilita a súa entrada en Galicia a través de Mugardos". Fontes da compañía consultadas por GC din que presta un servizo ás comercializadoras e "garante a seguridade da subministración enerxética ás familias e ás empresas na península ibérica".

"Se o xestor técnico do sistema asigna a descarga dun buque, o seu deber legal é recibilo, con independencia da súa procedencia, propietario e fretador. Ha de aterse ao que os Gobernos regulan no ámbito da UE. É certo tamén que as terminais do norte de España, pola súa localización, loxicamente son das máis competitivas para a recepción do gas atlántico", puntualiza.

CONSUMO INTERNO

Case todo o gas importado por Galicia destínase ao consumo interno, reexportándose unha pequena parte. O atraso na transición enerxética fixo que o consumo galego de gas fósil aumentase o 41,5% entre 2016 e 2022, atinxindo o máximo histórico. As centrais térmicas de gas (ciclos combinados) de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa) e a industria acaparan conxuntamente un 90% da demanda anual galega de gas fósil.

"Abandonado definitivamente o carbón en 2023, o seguinte combustíbel fósil do que podería prescindir Galicia é o chamado gas natural, ou gas fósil", indeca a plataforma Galiza sen gas que defende o fin do seu uso na produción eléctrica en 2030 e no resto dos sectores en 2035. "Obxectivos realizábeis mediante a redución do consumo de enerxía e o desenvolvemento das enerxías renovábeis de forma respectuosa co territorio, coa biodiversidade e con protagonismo cidadá", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta