UU.AA. avanza unha "segunda onda" de proxectos eólicos con aeroxeradores a menos de 200 metros de vivendas

Advirten que se iniciará a tramitación de 42 novos parques que sumarán uns 1.000 megawatios de potencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2024 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

Unións Agrarias avanzou unha "segunda onda" de proxectos de produción de enerxía eólica en Galicia coa tramitación de 42 novos parques que sumarán unha potencia de 1.000 megawatios, segundo os cálculos da organización agraria, que advirte que estas iniciativas están a planear a instalación de aeroxeradores "a menos de 200 metros" de vivendas.

Este mércores, o secretario de Coordinación Sectorial de UU.AA., Félix Porto, xunto ao responsable de desenvolvemento rural e enerxías renovables da organización, Jacobo Feijóo, e o presidente da asociación Ventonoso, José Antonio Diéguez, ofreceron unha rolda de prensa en Santiago para pór o foco sobre o que cualificaron da "segunda onda" de proxectos eólicos que, segundo avisaron, aínda non foron publicitados pero xa está avanzado o seu deseño.

De feito, aseguran que as compañías enerxéticas xa iniciaron os contactos cos propietarios de terreos onde planean asentarse estes proxectos, que serán tramitados "unha vez sexa resolta" a xudicialización que levou á paralización de varios parques, unha cuestión sobre a que está pendente a decisión da xustiza europea, á que unha sala do TSXG elevou unha petición para que se pronuncie sobre a tramitación ambiental das iniciativas.

Segundo expuxo o presidente de Ventonoso, esta segunda "onda" expón cuestións "preocupantes" como a distancia dos aeroxeradores ás vivendas, xa que, como explicou, a lei galega obriga a separar estas torres de zonas habitadas cando estes teñen a consideración de núcleo rural consolidado dentro dos plans urbanísticos do concello.

Con todo, José Antonio Diéguez puxo o acento en que "a maioría" dos municipios galegos teñen estes instrumentos "sen actualizar", polo que "moitos" núcleos non están catalogados así nos plans de urbanismo e, por tanto, os aeregenadores poderían instalarse "a menos de 200 metros das casas". O representante de Ventonoso apelou á "ética" das empresas promotoras de respectar a distancia cos núcleos de poboación, algo que considerou "difícil" de conseguir, polo que dirixiu as súas demandas á Xunta para que blinde esta cuestión a través da lei de acompañamento, dadas as dificultades que supón nos concellos sacar adiante un plan de urbanismo, que podería "chegar tarde".

En todo caso, o responsable de coordinación sectorial de Unións Agrarias sinalou que os propietarios "non están indefensos" e poderían recorrer a instalación destas torres de xeración de enerxía polo seu impacto na saúde desde o punto de vista da contaminación acústica ou da saúde pública polo denominado "efecto sombra" ou as cargas de electromagnetismo. Afirman que as empresas destes parques que aínda non foron publicitados "xa empezaron" os contactos cos propietarios dos terreos, aos que recomendan que non cheguen a acordos ata que non exista un "proxecto oficial".

Ademais, avanzan que os novos proxectos teñen como novidade que se converterán en "centrais híbridas" nas que a produción eólica compaxinarase coa solar, unha fórmula coa que, din, pretenden captar maior apoio económico do sector público. Ventonoso sostén que hai 40 proxectos en trámites previos e outros dous nunha fase anterior. De todos eles, 16 sitúanse na provincia de Pontevedra, once en Lugo, oito en Coruña e cinco en Ourense.

Unións Agrarias incidiu en que non se opoñen ao desenvolvemento da enerxía eólica, pero consideran que esta debe facerse dunha forma ordenada, "respectando" os intereses dos propietarios e buscando o mellor emprazamento para evitar prexudicar ás explotacións agrarias.

PROXECTO GREENALIA NA CORUÑA

Este mesmo mércores iniciou o seu período de exposición pública un novo proxecto eólico promovido pola compañía Greenalia cunha potencia instalada de 52 megawatios nos concellos coruñeses de Carballo, Tordoia e Val do Dubra.

O proxecto, segundo recolle a información que publica o Boletín Oficial do Estado, contempla a instalación de dez aeroxeradores, catro liñas subterráneas de evacuación e unha subestación colectiva.

Aeroxeradores / Carlos Castro - Arquivo / Europa Press
Aeroxeradores / Carlos Castro - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta