Por Europa Press / Redacción | Muxía | 18/05/2024 | Actualizada ás 18:42
O alcalde de Muxía, o socialista Iago Toba, denunciou o xoves durante o pleno que había "unha operación escura" entre PPdeG e BNG para desbancalo cunha moción de censura con axuda de Independentes por Muxía. Con todo, populares e nacionalistas desménteno e din "a día de hoxe non hai nada" neste sentido.
O PSOE foi a lista máis votada nas eleccións municipais de 2023, pero goberna en minoría con cinco concelleiros. A oposición, por tanto, suma maioría: o PP ten tres edís, os independentes teñen dous e o BNG, un. Neste contexto, o rexedor deslizou no pleno do xoves que podían presentar unha moción de censura despois de que toda a oposición conseguise sacar adiante, contra o criterio do goberno, varias votacións en asuntos municipais.
"Xa se que chegan a acordos" dixo Toba, quen pregunta ao BNG "se vai favorecer unha vez máis un goberno liderado por unha forza minoritaria, como xa fixo no pasado" co apoio do PP. Así, o alcalde acusa o Bloque de querer "volver facelo" pero, neste caso, entregarlle a Alcaldía aos independentes, para o que contarían co voto a favor dos populares. Por iso, no comunicado emitido este sábado, o rexedor socialista insta á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a aclarar se apoia esta eventual operación.
BNG: "A DÍA DE HOXE NON HAI NADA"
Fronte a estas acusacións, a concelleira do BNG en Muxía, Mercedes Barrientos, en declaracións a Europa Press, insiste en que "a día de hoxe" non recibiu "ningunha proposta" de moción de censura.
A edila nacionalista rexeita de plano darlle a Alcaldía ao PP, algo que a súa formación "repetiu 14 veces durante 14 mitins en campaña". Con todo, preguntada sobre se apoiaría unha moción de censura dos independentes, responde que se pronunciarán cando haxa "algunha proposta".
Porque "a día de hoxe non hai nada", pero o alcalde "dedicou dúas horas do pleno a falar diso", critica Barrientos, quen non oculta a súa pouca sintonía co socialista: "Non é a persoa idónea para dirixir un goberno en minoría". Por tanto, a edila nacionalista suxírelle que, en lugar de enviar comunicados, "chame ao BNG", algo que non fai "nin unha vez", e "pregúntelle" por estas cuestións.
PP: "A OPOSICIÓN FALA A DIARIO"
Tamén coincide en que agora "non hai nada" nin "ningún acordo con ninguén" a portavoz municipal do PP en Muxía, Sandra Vilela. É máis, en declaracións a Europa Press, a popular asegura que o alcalde "leva dicindo que hai unha moción de censura desde que é alcalde", dado que no anterior mandato o goberno tamén quedou en minoría, con tres edís socialistas, ao marchárselle os outros catro.
A líder municipal do PP recoñece que "a oposición de Muxía fala a diario sobre todo", pero por agora "non hai nada que dicir" sobre unha moción de censura. "Se vai habela ou non, non o sei", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.