Descuberta unha cabeza castrexa no castro de Santa Trega

É unha das poucas que se atopan en contexto arqueolóxico, o que indica a importancia deste poboamento castrexo. Foi atopada nunha das áreas máis interesantes e descoñidas do poboamento. O alcalde da Guarda, Antonio Lomba amosase "entusiasmado" pola descuberta.

Por Xurxo Salgado | A Guarda | 23/10/2015 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

O Castro de Santa Trega, un dos máis importantes e o máis visitado de Galicia, non para de dar sorpresas. A última, o achado dunha cabeza castrexa na escavación que, desde agosto, explora unha das partes máis descoñecidas do poboado, a cara leste, e que dirixe o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez.

Cabeza castrexa atopada no castro de Santa Tegra, na Guarda
Cabeza castrexa atopada no castro de Santa Tegra, na Guarda | Fonte: Antonio Lomba

O equipo de arqueólogos que traballa na zona atopou este venres, no derrube da muralla interna, unha cabeza de bulto redondo e de rasgos toscos de tipoloxía castrexa. “Pola súa forma parece que podería formar parte dunha figura máis completa”, apunta Leo González, arqueólogo e guía do castro. 

A cabeza ten unha liña marcada que podería corresponder a un casco se se teñen en conta as referencias as outros guerreiros galaico-portugueses aparecidos. Tamén se lle ven as orellas,  “o cal é raro neste tipo de figuras”, suliña González. 

No castro de Santa Trega non hai cabezas deste tipo, só dous ídolos. Un deles é de corpo enteiro e está nunha laxe plana. O outro é outro ídolo en forma de figura humana que está nos fondos do museo porque é unha peza dubidosa. Ten rasgos dunha persoa e un trisquel nun lateral.

Achado único

Este achado é moi importante porque, ata o momento, só dúas destas cabezas castrexas, das dúas ducias que existen, foron atopadas nun contexto arqueolóxico. Sen embargo, a do Trega destaca por aparecer, concretamente, nun muro. Precisamente, crese que este tipo de figuras estaban vinculadas ás murallas e foxos das fortificacións. Os arqueólogos refírense a elas como “Tètes coupées”, cabezas cortadas, que están colocadas nesas zonas como elementos simbólicos de defensa.

Cabeza castrexa atopada no castro de Santa Tegra, na Guarda
Cabeza castrexa atopada no castro de Santa Tegra, na Guarda | Fonte: Antonio Lomba

“O interesante deste descubrimento e que foi atopado nun contexto arqueolóxico definido e isto indica que nese tramo da muralla pode haber un acceso próximo”, apunta Leo. A área onde se atopou é coñecida como o barrio de Mergilana e escavouse nos anos 30.

Logo quedou abandonada, en parte, polo inicio da Guerra Civil. Desgraciadamente, pouco despois da guerra arderon os fondos dos arquivos de Valladolid onde estaban depositados os documentos do estudo, que se perderon. Por iso, ata o de agora sabíase moi pouco desta zona.

Con todo, os especialistas suliñan que é unha das áreas máis importantes de Santa Trega, senón, a máis importante, porque se atopa na mellor ubicación posible –máis protexida do vento e con máis horas de sol-- e dispón de máis espazos públicos,. Probablemente, as principais familias do castro viviran nesa ladeira. As escavacións sacaron á luz moitos pedazos de ánfora, o que indica unha gran actividade comercial, que viría por mar. Tamén a cronoloxía é diferente e indicaría un aspecto tamén novidoso do que se sabe, ata agora, do castro posto que tería unha ocupación anterior a que se coñece –século I AC e I DC--, que o situaría entre o IV e III A.C.

O rexedor, entusiasmado

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, tamén confirmou a GC este achado que cualificou de moi importante para o concello e para o castro. “Atopamos a cabeza mentres había a visita dun cole. E por iso a importancia que ten a nivel cultural e educativo e para que se aprecie e coñeza o noso patrimonio”, apunta.

“A escavación supón un antes e un despois no castro de Santa Trega porque a levabamos agardando muito tempo xa que este xacemento é un dos máis importantes de Galicia e nunca foi ben atendido pola administración”, lembra o rexedor. Así, lembra as palabras dun arqueólogo para referirse a este xacemento: “Tedes a torre Eiffel dos castros, pero o diñeiro vai para outro sitio”. 

Lomba tamén di atoparse “entusiasmado” con esta escavación porque “está aportando moitas novidades” ao que xa se coñecía de Santa Trega. 

Cabezas castrexas

As cabezas castrexas son un dos restos arqueolóxicos con máis interrogantes da época castrexa. Son esculturas en pedra procedentes dos castros galegos e portugueses  e semellan formar parte dunha koiné artística mediterráneo-romana. Non ter un encadramento cronolóxico definido. O arqueólogo Calo Lourido contabiliza 23 pezas que el denomina "Cabezas humanas", das cales só dúas foron encontradas en escavacións arqueolóxicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

6 Lironsky

O da "koiné artística mediterráneo-romana" é unha autêntica estupidez. Comprovem de onde vêm o resto de exemplos de cabezas decepadas, cortadas ou "severed heads".

5 Nicolás

É un feito histórico demostrado que o introductor da teoría castreña é o profesor Carlos Alonso del Real, falanxista e delator do filósofo Julian Marías. Alguns consideramos un dato para entender as causas da súa teoría isolacionista.

1 Trocomotxo

Correcto. Unha vez máis os galegos son raros e non teñen nada en común co resto do Atlántico debido a un pseudocientífico que se sacou unha denominación da "chistera".

4 Gustavo

(comentario repetido)

3 Gustavo

Os comentarios precedentes non podían faltar. Sodes incapaces de comentar unha nova de importante alcance cultural sen facer mención ás liortas políticas fraccionarias do momento (liortas máis de foreiros que da xente da rua). Pero é que, ademáis, meus homes, non tendes gracia ningunha, alguén volo tiña que decir.

2 Fartodobloque

O problema desa cabeza é que non fala galego. Entón, para o parecer dos membros da tribu dos nazios, non é propia. O propio ven da descomposición do idioma dos invasores militares romanos, que impuxeron o latín (e polo tanto o galego) como resultado dunha suposta supremacía cultural allea ao verdadeiro pobo galego. ¿Les suena de algo?