O BNG cuestiona o destino dos máis de 81 millóns de euros entregados pola Xunta a Stellantis

O deputado do BNG Brais Ruanova pide unha "intervención pública decidida" co fin de "blindar" a automoción galega.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/05/2024 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

O BNG rexistrou varias iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamar á Xunta unha "intervención pública decidida" co fin de "blindar" a automoción galega, ante os "riscos e ameazas" que afectan o sector. A formación nacionalista pediu ao goberno autonómico que se implique na instalación dunha fábrica de baterías para que esta industria "non quede fose de xogo" no novo escenario do coche eléctrico, e tamén esixiu que os fondos europeos "deixen de subvencionar a precariedade e a deslocalización".

Así o anunciou o deputado do BNG e portavoz de Industria, Brais Ruanova, tras manter unha reunión con responsables da CIG, na que tamén participaron a deputada Carmela González e o portavoz municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas. Ruanova sinalou que a súa formación leva tempo advertindo sobre a precarización do sector e os problemas que lle afectan, e puxo como exemplo o anuncio do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) de apostar pola instalación dun centro de investigación no norte de Portugal; ou a compra de compoñentes para esta industria en China e Marrocos, deixando fóra a provedores galegos.

Segundo sinalou, moitas empresas auxiliares atópanse en situación de inestabilidade polas "decisións de Stellantis", da que dependen en gran medida. Mentres, afirmou, a planta da multinacional benefíciase de axudas do PERTE para o vehículo eléctrico. "Ponse de manifesto que regar de subvencións a unha empresa matriz non é garantía de nada", constatou. Nese sentido, cuestionaron o destino dos máis de 81 millóns de euros entregados nos últimos anos pola Xunta a Stellantis, e criticaron que non haxan servizo para crear emprego de calidade, para mellorar as condicións laborais do sector ou para fortelecer á industria auxiliar galega.

Brais Ruanova reclamou unha "resposta urxente como país" ante o "momento histórico" que vive o sector, con cambios que van determinar o seu futuro, e pediu un Plan Director "con consenso" entre os diferentes axentes implicados, e medidas que garantan carga de traballo para as empresas auxiliares, reducindo a súa dependencia de Stellantis.

A fábrica de Stellantis en Vigo
A fábrica de Stellantis en Vigo | Fonte: STELLANTIS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta