O conselleiro de Sanidade defende o XIDE: "É unha ferramenta de citación, non de triaxe"

Gómez Caamaño insiste en que "o problema co colexio de médicos está practicamente solucionado. Falamos xa varias veces, buscamos puntos de encontro"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2024 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, dá por "practicamente solucionado" o conflito aberto co Consello Galego de Colexios Médicos ao redor da implantación do sistema XIDE (Xestión Integrada de Demanda en Equipo) nos centros de saúde galegos. "As posicións están moi próximas xa", asegurou.

Gómez Caamaño avala o emprego desta aplicación que foi recorrida ante a xustiza polos colexios médicos --o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deu a razón á Xunta, pero aínda falta a sentenza do Supremo--, aínda que cre que debe facerse "en consenso" cos facultativos.

En calquera caso, o conselleiro defendeu, nunha entrevista concedida este mércores a Onda Cero, recollida por Europa Press, que o XIDE é unha "ferramenta de citación" e "non de triaxe, que é un acto clínico", e por tanto non considera que invada competencias dos médicos, que é un dos motivos polos que levou este asunto á xustiza.

Ademais, asegurou que a aplicación consegue "transformar o 90 por cento do traballo do médico nun 50 por cento", porque desde o mostrador do centro de saúde ofrece unha cita ao paciente cun profesional concreto en función de como describa a súa doenza.

"O problema co colexio de médicos está practicamente solucionado. Falamos xa varias veces, buscamos puntos de encontro", insistiu Gómez Caamaño.

LISTAS DE ESPERA

Sobre as listas de espera, dixo que "son o resultado do funcionamento dun sistema sanitario" e que o problema, en realidade, é "que o tempo de demora ao acceso a un procedemento diagnóstico-terapéutico impacte negativamente no paciente".

Por iso, o conselleiro de Sanidade avoga por conseguir uns tempos "óptimos ou recomendables e, a partir de aí, mellorar".

"A MAIORÍA DE CAMBIOS" ESTÁN XA FEITOS

O novo conselleiro de Sanidade, que hai pouco máis dun mes que tomaba posesión, confirmou que "a maioría dos cambios" na estrutura do seu departamento e do Sergas están xa feitos, aínda que "pode quedar algo puntual".

Neste sentido, recoñeceu que o nomeamento de dous médicos de familia como xerente do Sergas e director xeral de Asistencia Sanitaria, José Manuel Parada e Alfredo José Silva, respectivamente, buscan reforzar a Atención Primaria.

Así, avoga por unha "mellor coordinación" deste nivel asistencial co hospitalario, así como por "desburocratizar" o labor dos médicos de familia e mellorar o sistema de adxudicación de prazas MIR para evitar que queden vacantes.

Con respecto a isto último, defendeu a implantación dunha proba homoxénea para toda España e lamentou que a interlocución entre o Ministerio e as comunidades autónomas "está parada".

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nunha entrevista en Onda Cero.. ONDA CERO
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nunha entrevista en Onda Cero.. ONDA CERO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta