Temas: FRASEOLOXíA

Paremias galegas equivalentes á castelá “ojos que no ven, corazón que no siente”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 26/05/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para dar a entender que aquilo que non se ve ou que non se percibe non provocar dor na alma ou no espírito, en castelán adóitase botar man da paremia ojos que no ven, corazón que no siente.

Portada de Ollos
Portada de Ollos

Vexamos paremias equivalentes en galego:

Ojos que no ven, corazón que no siente

{= Refrán con que se expresa que aquilo que non se ve ou non se percibe non provoca dor na alma ou no espírito. Tamén se pode aplicar para dar a entender que a ausencia axuda a facer esquecer as persoas queridas ou amadas.}

Ollos que non ven, corazón que non sente

Ollos que non ven, corazón que non doe

Ex.: Todo el mundo conocía sus aventuras extramatrimoniales menos su propia esposa, así que ojos que no ven, corazón que no siente... y por eso duró tanto su matrimonio, que, si no, ella ya lo habría dejado hace años.

Todo o mundo sabía que moía para fóra bardante a súa propia muller, así que ollos que non ven, corazón que non sente así que ollos que non ven, corazón que non doe... e por iso durou tanto o seu matrimonio, que, se non, ela xa o tería deixado hai anos.

● Tamén:

Ojos que no ven, corazón que no llora && Ojos que no ven, corazón que no quiebra

Ollos que non ven, corazón que non chora && Ollos que non ven, corazón que non sofre

● Mesmo tamén, mais xa normalmente empregadas no seu sentido primixenio de dar a entender que cando alguén está lonxe das persoas que quere acaba perdéndolles cariño ou amor:

Lejos de vista, lejos de corazón

Lonxe dos ollos, lonxe do corazón && Lonxe da vista, lonxe do corazón && [E MAIS, SÓ APLICABLE PARA DAR CONTA DE QUE A AUSENCIA PODE AXUDAR A ESQUECER OS SERES QUERIDOS OU PERSOAS MADAS]: Lonxe da vista, lonxe do pensamento

● E mais tamén, só aplicadas neste último sentido de dar a entender que cando alguén está lonxe das persoas que quere acaba perdéndolles cariño ou amor:

Ausencia, enemiga del corazón && Ausencia, enemiga de amor, cuan lejos de ojos, tan lejos de corazón && La ausencia mata el amor && La ausencia causa olvido && Ausencias causan olvidos && La distancia es el olvido && La ausencia es madrastra del amor y bienquerencia

A ausencia trae a esquencia && A longa ausencia trae o esquecemento && A ausencia apaga o amor && A ausencia apaga o amor: lonxe dos ollos, lonxe do corazón && O amor desfaise coa ausencia && O amor non ten resistencia contra a ausencia && A ausencia gasta o namoro se tarda a presenza && O que non aparece, logo se esquece && A ausencia é madrasta do amor e da benquerenza

NOTAS:

1. A paremia a ausencia é madrasta do amor e da benquerenza, tirada do Diccionario enciclopédico gallego castellano de Eladio Rodríguez González, reflíctese na referida fonte (non sabemos se rexistrada efectivamente por don Eladio ou como tradución directa da correspondente castelá) como a ausencia é madrasca do amor e da benquerencia.

Nótese, neste sentido, o concepto xeralmente negativo das madrastas na cultura tradicional, tal e como se evidencia noutras paremias reflectidas igualmente nesa mesma obra (e sen prexuízo de que algunha delas poida ser tamén calco ou tradución directa do castelán) :

A madrasta, a máis boa é mala

Á madrasta o nome lle abasta

Madrasta, a mellor, queimala

A madrasta, inda de azucre amarga

Madrasta, nin de cera nin de boa pasta

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús: “Refraneiro de Grou (Lobios) recollido por Bieito Fernandes do Palheiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 241-253. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Pereira Ginet, Tomás: “Fiando paremias (I): glosario paremiolóxico multilingüe galego, portugués, castelán, francés, italiano e inglés”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 191-223. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Vidal Castiñeira, Ana: “Aproximación ó ‘mínimo paremiolóxico’ galego. Unha proposta didáctica”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 79-116. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta