Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2024 | Actualizada ás 17:37
Os dous representantes que ten o BNG no Congreso e no Senado, Néstor Rego e Carme da Silva, rexistraron senllas preguntas ao Goberno central sobre os atrasos rexistrados na circulación dos primeiros trens Avril que operaron entre Galicia e Madrid.
O primeiro destes servizos arrincou o martes, 21 de maio, cun convoi que saíu de Vigo puntual, ás 9.28 horas, e que debía estar en Madrid ás 13.34. Con todo, unha avaría técnica obrigouno a permanecer parado en Ourense durante case dúas horas e fixo que se atrasase na súa chegada á capital española. Ademais, o segundo Avril que partiu de Galicia, neste caso o mércores, tivo unha demora de media hora por unha incidencia nunha porta.
Tras esta estrea do AVE máis aló de Ourense en Galicia, o deputado e a senadora do BNG nas Cortes Xerais preguntarán ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable se se "revisaron todos os elementos", tanto do propio tren como da infraestrutura ferroviaria, para a posta en marcha dos Avril; e se se pode "garantir a puntualidade" do servizo de alta velocidade.
Os nacionalistas tamén interpelarán ao Goberno sobre se prevé lanzar novas ofertas para viaxar nestes convois e sobre se aumentará a dotación dos Avril e outros servizos ferroviarios na rede galega "para atender a alta demanda existente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.