O delegado do Goberno defende que o Executivo central "vai cumprir" co AVE Vigo-O Porto

O PP reclama ao Goberno para que Galicia poida contar cunha xestión eficiente dos fondos europeos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2024 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, defendeu que o Executivo central "vai cumprir" cos seus compromisos para o AVE Vigo-O Porto, despois de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras reunirse este xoves co ministro luso de Infraestruturas, demandase ao Goberno que "cumpra" coa súa parte, para poder compatibilizar os avances a ambos os dous lados da fronteira.

A preguntas dos medios despois de manter un encontro coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o presidente de Mercasa, José Miñones, Blanco manifestou que o Goberno "está a cumprir con todo ese traballo atrasado" e insistiu en que "vai cumprir con esa parte". "Creo que é unha prioridade, deixouno claro o ministro na última visita que fixo a Galicia, deixouno claro o secretario de Estado e, por tanto, que non teña ningunha dúbida o presidente Rueda de que o Goberno de España, o Ministerio de Transporte, vai cumprir", aseverou. Cuestionado sobre se a parte galega estará no ano 2032, Pedro Blanco asegurou que farán "todo o posible" para "facer o que non se fixo antes".

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, en rolda de prensa na Coruña
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, en rolda de prensa na Coruña | Fonte: DELEGACIÓN DO GOBERNO

RUEDA REIVINDICA O AVANCE DA "COLABORACIÓN" CON PORTUGAL

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, aproveitou a súa visita a Lisboa, onde se reuniu co ministro luso de Infraestruturas, Miguel Pinto Luz, para reivindicar o "avance" da colaboración entre Galicia e Portugal no arranque da campaña para as eleccións europeas do 9 de xuño. "A colaboración entre Galicia e Portugal avanza e dá resultados. É un exemplo perfecto do que representan os valores da UE", traslada RUEda nunha mensaxe, que acompaña cun vídeo gravado aínda en Lisboa, onde na pasada xornada puido ratificar que o Goberno luso mantén como "prioridade" a conexión de alta velocidade Lisboa-O Porto-Vigo, así como os prazos --o último calendario fixa 2032 como data--.

"Hoxe empeza a campaña das eleccións europeas. O 9 de xuño poderemos dar unha mensaxe clara co PP: Queremos máis Galicia en Europa. A gañar!", recolle Rueda. No vídeo, aínda na capital lusa e antes de participar nos primeiros actos de campaña na comunidade, o xefe de filas dos populares galegos pide "apostar" polo PP o próximo 9 de xuño.

Entre outros argumentos, destaca o impulso desde Europa ás relacións e proxectos conxuntos, e subliña que os populares teñen forza para levalos a cabo tendo en conta que gobernan "en moitos territorios" e teñen "prestixio" en Europa.

O PP PIDE AO GOBERNO UNHA XESTIÓN EFICIENTE DOS FONDOS DA UE

O candidato do PP ao Parlamento Europeo, Adrián Vázquez, iniciou a campaña electoral para as europeas en Vigo cunha reclamación ao Goberno de España para que Galicia poida contar cunha xestión eficiente dos fondos europeos e poder acelerar o AVE Vigo-O Porto.

Nun percorrido realizado polo centro da cidade, acompañado pola secretaria xeral do PP provincial, Luisa Sánchez, e polos deputados Miguel Fidalgo e Irene Garrido, entre outros, o candidato puxo en valor a predisposición do ministro de Infraestruturas de Portugal para priorizar esa conexión ferroviaria, tal e como trasladou nas últimas horas ao presidente do goberno galego, Alfonso Rueda.

Para os 'populares' "agora queda que o Goberno central cumpra co seu parte no que respecta aos fondos europeos para poder compatibilizar os avances a ambos os dous lados da fronteira". Así mesmo, pediron un apoio "masivo" ao PP nas eleccións do 9 de xuño para que o tecido industrial e empresarial de Vigo teña "maior respaldo e as máximas garantías" de que poderán contar cos fondos europeos, e subliñaron que a cidade necesita de maneira "imperiosa" as axudas dos PERTE e outros programas.

Respecto diso, lamentaron que os fondos están a chegar "a conta pingas" porque o Goberno central "quedouse coa inmensa maioría e tenos practicamente secuestrados". Segundo proclamaron, o PP é "garantía de boa xestión" e de que o diñeiro chegue ás empresas, fronte ao "bloqueo e paralización" do PSOE e as propostas "trasnoitadas e decimonónicas" do BNG. Nese sentido, puxeron o exemplo da Xunta presidida por Alfonso Rueda, que "lidera a execución entre todas as Comunidades, con máis do 70 % das partidas distribuídas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta