A CRTVG relega a un luns pola mañá o debate con candidatos das Eleccións Europeas

A corporación pública galega emitirá entrevistas con portavoces de PP, PSOE, BNG, Sumar e Ciudadanos a partir do luns 3 de xuño

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2024 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

A Corporación de Radio e Televisión (CRTVG) acolle este luns, ás 10.00 horas da mañá, un debate entre candidatos de PSdeG, PP, BNG, Sumar e Cs nas eleccións ao Parlamento Europeo que se celebrarán o próximo 9 de xuño.

Esta cita terá lugar no Estudo Multimedia da Radio Galega, en San Marcos, pero emitirase tamén a través da Televisión de Galicia, o portal G24.gal e a plataforma 'AGalega.gal'. Moderado polo xefe de Planificación Informativa da radio pública, participarán no debate Nicolás González Casares (PSdeG), Francisco Millán Mon (PP), Ana Miranda (BNG, integrante da lista Agora Repúblicas), Juan Díaz Villoslada (Sumar) e Javier Nart (Cidadáns).

Segundo explica a través dun comunicado a CRTVG, o seu plan de cobertura do 9J depositado ante a xunta electoral dá especial atención mediática ás formacións que "obtiveron mellores resultados" nos últimos comicios comunitarios. Por tanto, non se inclúe nin a Vox nin a Podemos --neste último caso, preséntanse separados de Sumar--.

O debate dividirase en catro bloques --transición enerxética, soberanía económica da UE, o sector primario, o financiamento europeo e a ampliación do espazo comunitario, entre outros-- e finalizará con intervencións dun minuto por parte dos candidatos.

ENTREVISTAS

Ademais, durante a primeira semana de xuño, a CRTVG realizará entrevistas cos candidatos do cinco formacións que se emitirán, tamén ás 10.00 da mañá, pola TVG, pola RG, por 'G24.gal' e por 'AGalega.gal'. A primeira será o luns 3, con Cs, o martes 4 con Sumar, o mércores 5 será a entrevista co BNG (Agora Repúblicas), o xoves 6 emitirase a entrevista co PP, e o venres 7 co do PSOE.

En canto á xornada electoral, a corporación pública galega fará seguimento en directo desde Bruxelas cos xornalistas Marcos Sueiro e Alejandro Mato. Tamén haberá especiais informativos, de 19.55 a 00.00 horas, que ofrecerá toda a actualidade sobre o peche dos colexios e a enquisa de Sigma Dos, así como faladoiros con analistas.

¡ CRTVG. CORPORACIÓN DE RADIO E TELEVISIÓN DE GALICIA
¡ CRTVG. CORPORACIÓN DE RADIO E TELEVISIÓN DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Mellor cobertura lle dan á TeleTienda ! O Javier Nart presenta unha candidatura persoal ? Non ía Cidadáns nas listas do PP (alomenos en Cataluña) ? A ver cando chega o 10 de xuño e podemos falar dos prezos do súper... Ou tampouco ?