A oferta de contidos dixitais en linguas minoritarias ou cooficiais é "bastante limitada", segundo o Anuario AC/E

Entre as conclusións, dos videoxogos creados en España, só un 3% son en galego.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 28/05/2024 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

A oferta de contidos dixitais en linguas minoritarias ou cooficiais en España é "bastante limitada", segundo o Anuario de cultura dixital 2024 elaborado por Acción Cultural Española (AC/E). O Anuario AC/E de cultura dixital é o resultado dunha reflexión interna sobre a maneira de incorporar a dimensión dixital aos seus obxectivos e apoiar a dixitalización do sector cultural, recollendo ao longo do documento un total de 55 estudos e artigos e máis de 60 casos de interese.

No segmento audiovisual incluído, alúdese a esa escaseza de linguas minoritarias, lembrando que a nivel internacional están a facerse modificacións nos marcos normativos e legais para garantir unha maior presenza destas. Neste sentido, a directiva europea de medios audiovisuais, por exemplo, obriga aos países da UE a garantir unha oferta de polo menos un 30 % de contido europeo e outorga a cada Estado membro a liberdade de aplicar criterios propios sobre a diversidade lingüística e cultural.

No caso de España, lémbrase que, a través da súa nova lei audiovisual, establece que as plataformas deberán dispor como mínimo dun 6 % dos seus títulos en cada unha das linguas cooficiais: catalán, galego, eúscaro, valenciano e aranés. En xeral, o informe destaca que a industria audiovisual segue liderando o sector do entretemento global en España e gran parte do seu crecemento provén de produtos e servizos dixitais.

Tan só en España, calcúlase que practicamente a totalidade dos mozos (96,7 %) están subscritos ou acceden a algún servizo que ofrece contidos dixitais, sendo os máis habituais os servizos audiovisuais de películas/series (75,8 %). "A tendencia ao consumo dixital e móbil parece non cesar", remarcou.

En canto a libros, o 24,1% dos títulos publicados en España prodúcense en idiomas cooficiais: un 14% dos libros editados prodúcense en catalán; un 2,3 %, en eúscaro; un 2,2%, en galego e un 5,6%, noutras linguas e dialectos do Estado español. En canto aos libros dixitais, o 8% están publicados en linguas cooficiais e os audiolibros, o 2% en linguas cooficiais.

As principais plataformas de audio en España rexistran unha "prudente" presencialidade de contidos en linguas cooficiais que o estudo apunta a que irá crecendo nos próximos anos ante o incremento do interese dos seus oíntes. Así, o número de lectores que escoita de maneira frecuente audiolibros triplicouse, chegando ao 6,9%, e os oíntes de pódcast en linguas cooficiais rexistran crecementos anuais do 3%, como no catalán.

ARTES ESCÉNICAS E VIDEOXOGOS

Mentres, en artes escénicas indícase que a oferta dixital escénica foi explorada e explotada "moi pouco" en comparación con outras industrias culturais. No entanto, si avanza que a IA será un factor crave para a transformación da oferta dixital de contidos escénicos en calquera lingua ao ofrecer a posibilidade de tradución, adaptación ou dobraxe deste tipo de contidos

En videoxogos, a oferta dixital global é maioritariamente en linguas oficiais e o número de videoxogos en linguas minoritarias é "bastante acoutado". Con todo, cada vez "son máis os esforzos por crear videoxogos en múltiples linguas e lograr localizacións exitosas que conecten as narrativas de cada videoxogo con nichos de públicos específicos".

Dos videoxogos creados en España, as linguas cooficiais teñen xa unha representatividade considerable: o catalán e o valenciano (25%), o eúscaro (9%) e o galego (3%).

Escena da película 'Alcarràs'. AVALON
Escena da película 'Alcarràs'. AVALON | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta