Unanimidade no Parlamento para estender a Internet de banda ancha en Galicia

A Cámara aproba, con votos de PP, BNG e DO, pedir ao Goberno central que desenvolva "de inmediato" a nova normativa de FP.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2024 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia, pola unanimidade dos grupos (PP, BNG, PSdeG e Democracia Ourensá), aprobou este mércores unha iniciativa para que a Xunta e o Goberno central traballen conxuntamente en impulsar a extensión da banda ancha de Internet polo territorio galego.

Trátase dunha proposición non de lei (PNL) presentada polos populares e cuxa resolución foi ampliada tras un acordo cos socialistas para incluír parte da súa emenda e que a proposta recolla tamén a implicación da Administración autonómica.

En concreto, a iniciativa presentada inicialmente polo PP, defendida o martes polo deputado Julio García Comesaña, busca reclamar ao Goberno central que "cumpra os compromisos que asumiu de forma unilateral en materia de conectividade", ao amparo do Plan de Recuperación vinculado aos fondos europeos Next Generation, e que "teña en conta" as características do territorio galego e da súa poboación.

Ademais, o parágrafo engadido por un acordo co Grupo Socialista introduce a petición á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), da Xunta, para que "se poñan todos os medios e recursos necesarios para que se poidan empregar ao máximo" os investimentos dos fondos europeos na materia.

Tamén saíu aprobada outra PNL presentada polos populares, e que contou co voto a favor do BNG e de Democracia Ourensá, para que o Goberno central cumpra "co seu propio calendario" e "publique de inmediato" o desenvolvemento normativo da nova lei de Formación Profesional. O PSdeG votou en contra.

Votación unánime no Parlamento de Galicia, o 29 de maio de 2024.. PARLAMENTO DE GALICIA
Votación unánime no Parlamento de Galicia, o 29 de maio de 2024.. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta