Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 30/05/2024 | Actualizada ás 20:15
O presidente do PP de Ourense, Luis Menor, valorou a proposta dos socialistas de abrir a porta a unha moción de censura a nivel municipal, asegurando que a súa formación "non ten liñas vermellas para ninguén" e que o seu "único obxectivo é a defensa dos intereses da cidade, así como da provincia".
Menor lembrou que hai un ano houbo un intento protagonizado por Manuel Cabezas, o candidato do PP á alcaldía, para citar a diversas forzas políticas para tratar de chegar a un acordo. "O PSOE respondeu e veu e logo houbo outra forza que nin sequera sentou connosco e iso é o que non podemos admitir", dixo, apuntando directamente ao Bloque Nacionalista Galego e censurando que o PP "está lexitimado democraticamente e non vai consentir ser ninguneado".Así, dixo que "se as cousas están como están, moi boa parte é porque hai quen nin senta falar", apuntando de novo á formación nacionalista.
Menor expuxo que o PP chegou entón a un acordo de investidura con Gonzalo Pérez Jacome, líder de Democracia Ourensá, para respectar as forzas máis votadas nas distintas institucións, no Pazo Provincial e no concello, tendo en conta que non se puido "chegar a outro tipo de acordo con ningunha das outras forzas políticas".
Neste sentido, rememorou diferentes acordos aos que chegou tanto con Democracia Ourensá no concello como co PSOE na Deputación Provincial, como a modificación de crédito de 14 millóns de euros a nivel municipal, "porque se captaban practicamente cinco millóns de fondos europeos e cremos que iso é bo para a cidade" ou poder aprobar os orzamentos provinciais co apoio dos socialistas e "tamén permitido polo Bloque".
SEN "LIÑAS VERMELLAS"
Nestes, termos defendeu que o "PP non ten liñas vermellas para ninguén". "Tampouco queremos que se teñan liñas vermellas connosco", engadiu. Con todo, dixo sorprenderse de que a oferta se realizase nunha rolda de prensa e non se falase previamente cos interesados, así como que se fixese o día que se cumpría un ano das eleccións municipais e en plena campaña electoral para as europeas.
"Nós non temos liñas vermellas para ninguén. O noso único obxectivo é a defensa dos intereses de Ourense tanto capital como provincia, neste caso falamos da capital que ten un de cada tres habitantes e merece a máxima atención", reiterou Menor, subliñando que o PP "estará sempre na solución dos problemas", pero reiterando que non quere "que o posterguen".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.