Por Manuel Vilas | Santa Comba | 18/11/2015 | Actualizada ás 08:00
A Garda Civil detivo este martes a Antonio Manuel Landeira Gallardo, alcalde de Santa Comba polo PP até 2014. Fíxoo no marco da Operación Qatedra, que investiga a fraude de subvencións da Xunta para formación.
Os axentes tamén apresaron ao irmán do político, Jorge José. A Benemérita comunica que aos dous impútaselles os presuntos delitos de estafa, falsificación de documento público mercantil e fraude de subvencións.
A Garda Civil indica que os dous son adminstradores solidarios dunha empresa de Santa Comba que tería participado na estafa de diñeiro público para cursos. Segundo comprobou GC no Rexistro Mercantil, Antonio Manuel e Jorge José comparten este cargo en Exclusivas Comerciales Barqueiro SL e Carbónicas Landeira SA.
Os dous están libres tras prestar declaración, pero con cargos. Así o decidiu o xulgado número 1 de Lalín, que coordina esta nova operación sobre diñeiro da Consellería de Traballo entregado a empresas para cursos que, malia térense xustificado documental da Administración, nunca se realizaron na práctica.
A investigación chegou a Santa Combra dende Lalín. Os tres directivos dunha consultora desa vila foron os primeiros en ser detidos hai varios meses. A Guardia Civil sospeita que Prosem argallaba un esquema para que empresas pediran axudas para cursos de formación, adiantaran parte do custo das aulas e cobraran a outra parte da Xunta. O suposto fraude consistía en que a parte adiantada polas empresas presuntamente saía da propia Prosem -parte que recibía de volta unha vez cobrada a subvención polo seu cliente- e que os cursos, nalgúns casos, non se impartían; repartíndose as subvencións estafadas presuntamente entre consultora e o seu cliente.
J.J.H.D., de 34 anos, e J.M.P.S., de 42 anos, foron detidos o día 12 acusados de aplicar este esquema. As súas detencións foron en Rodeiro e Pontevera.
Xa canda saltara o escándalo informárase que Prosem traballaba con empresas de toda Galicia, varias delas próximas a cargos do PP. A detención do ex-alcalde de Santa Comba confirma este extremo. Segundo informa Natalia Puga en El Mundo, o alcalde de Dozón Adolfo Campos (PP) tamén está a ser investigado.
Ademais, é evidente que a propia Prosem disfrutaba de moi boas relacións coa Xunta, como atestiguan as fotos do presidente da Xunta e da directora xereal de Turismo con varios directivos. Un deles foi detido no marco da Operación Qatedra.
De feito, no intre das detencións Prosem tiña adxudicado impartir varios cursos da Xunta. Traballo confirmara a GC que os ía impartir, malia a detención temporal dos directivos e a incautación de boa parte dos seus equipos informáticos, porque non había sentencia condenatoria algunha.
Cando saltara o escándalo, GC puxérase en contacto con Prosem para solicitar a súa versión , en particular de porque as fotos co presidente da Xunta e a directora xeral despareceran das súas redes sociais, unha vez que este diario as publicara.
Prosem respondera negando calquera irregularidade e argumentado que non coñecían perosalmente a Alberto Nuñez Feijóo ou a Nava Castro, senón que se trataba de fotos de cortesía tomadas en eventos públicos. A consultora tamén se reafirmara na súa intención de continuar a ofrecer os cursos que lle adxudicara o Goberno Galego.
A Qatedra non é a primeira operación contra a presunta fraude de subvencións para a formación desta lexislatura. A Consellería de Traballo, hoxe Asuntos Sociais, tamén se viu salpicada pola Operación Zeta, na que un destacado militante do PP da Coruña tamén estafou supostamente millóns en axudas públicas para cursos.
O caso Qatedra, e tamén o proganizado por Azetanet na Coruña, poden ter consecuencias políticas máis alá do nivel local. E é que parte dos cartos que cobraron empresas como as de Santa Comba proviñan de fondos da Unión Europea, polo que é posíbel que Bruxelas abra un expediente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.