Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2024 | Actualizada ás 19:56
O Comité Intercentros da CRTVG (Corporación de Radio e Televisión de Galicia) cualificou de "absolutista" e "burla descarada" o anteproxecto de lei dos medios públicos de comunicación audiovisual que prepara a Xunta e asegurou que "a mobilización será a súa alegación".
Deste xeito, o máximo órgano de representación dos traballadores da radiotelevisión pública galega alertou este martes de que, se este anteproxecto sae adiante, a Corporación "pasará a ser por lei o maior órgano de propaganda do PP de Galicia".
Segundo explicou o Comité nun comunicado, o Partido Popular contemplaría con esta nova lei o cambio de paradigma de medios públicos no que traballa "desde hai anos", eliminando as "últimas barreiras e garantías" de servizo público que contempla a lei de medios públicos actual e así, transformar "definitivamente" a CRTVG.
Así mesmo, agradeceu a "rápida reacción pública" do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, da Federación de Asociacións de Xornalistas de España, dos partidos da oposición parlamentaria galega e doutras organizacións profesionais vinculadas á defensa da lingua.
Nunha nota de prensa, Xornalistas de Galicia criticaba que "lonxe de avanzar na independencia dos medios públicos", o texto no que traballa a Xunta significa "un retroceso moi preocupante e un menosprezo á profesión xornalística".
Por outra banda, a representación dos traballadores da CRTVG advertiu de que se enfrontará cunha mobilización "intensa" a este anteproxecto, xa que se está recorrendo ás maiorías simples para tomar decisións "transcendentais" como a aprobación da persoa que ocupa a dirección xeral, os membros do consello de administración ou a aprobación do mandado estratéxico.
"BASTA TOMADURA DE PELO INFANTIL"
Nesta mesma liña, o comité de empresa tachou de "grande engano infantil" a creación do chamado Consello Asesor de Participación Social e Profesional, unha entidade que considera "fraudulenta" coa que o PP "pretende facer un lavado de cara cun verniz democrático", denunciou.
Ademais, ve "radicalmente intolerable" a desaparición de figuras como o Consello de Informativos e do Estatuto Profesional que contempla a lei actual, que poderían axudar a "erradicar a manipulación informativa e protexer aos xornalistas por normas de estilo e autorregulación".
Así mesmo, o Comité Intercentros mostrou a súa preocupación respecto da posibilidade de que esta nova lei abra a porta a "a emisión de contidos en linguas distintas ao galego, unha posición política aliñada co bilingüismo que defende o Partido Popular e que amparan coa escusa de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra da comunidade autónoma".
Con todo, para a representación do persoal esta modificación suporía un punto de "non retorno" nos avances conseguidos a favor da lingua galega "desde a posta en marcha do Estatuto de Autonomía", así como a "desnaturalización definitiva" dos medios públicos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.