Wikipedia penaliza as universidades galegas

Investigadores franceses crean un novo modelo para clasificar as universidades máis influíntes do mundo baseado nas referencias enlazadas na enciclopedia libre. Na clasificación, que inclúe 1.025 institucións, non aparece ningunha galega.

Por Alberto Quian | Manchester | 14/12/2015 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

A Wikipedia converteuse nunha das principais fontes de secundarias de información en Internet e termómetro do interese que suscita un tema. Agora pode converterse tamén nun avaliador da influencia das universidades a ter en conta. Un equipo de investigadores franceses desenvolveu un modelo para crear unha clasificación das mellores institucións académicas do mundo, o Wikipedia Ranking of World Universities (WRWU), baseado na maneira en que son citadas nas páxinas da enciclopedia libre. Para iso, os autores do estudoJosé Lages, Antoine Patt e Dima L. Shepelyanskya— analizaron as conexións directas entre artigos escritos en 24 linguas diferentes, valéndose dos algoritmos PageRank, 2DRank e CheiRank, para determinar cales son os nodos máis importantes na rede de enlaces entre os distintos artigos que inclúen referencias a calquera universidade. Así, cada universidade mencionada nun artigo é un nodo da rede e os enlaces que apuntan a cada nodo utilízanse para calcular a súa relevancia e clasificalos. En total, a base de datos utilizada contén 17.731.050 artigos. Todos os datos foron recollidos en febreiro de 2013.

Distribución xeográfica das universidades que aparecen entre as cen mellores no Wikipedia Ranking of World Universities.
Distribución xeográfica das universidades que aparecen entre as cen mellores no Wikipedia Ranking of World Universities. | Fonte: José Lages, Antoine Patt, Dima Shepelyansky.

O estudo ofrece primeiro unha clasificación en cada idioma que demostra que cada edición tende a favorecer as universidades naturais para cada lingua. A partir dos datos obtidos para cada unha, combinaron as 24 clasificacións diferentes para facer un ranking global no que se inclúen un total 1.025 universidades, entre as que non aparece ningunha das tres institucións académicas galegas.

Na lista, ademais, só aparecen doce institucións académicas españolas: a Universidade de Salamanca, no posto 159; a Complutense de Madrid, no 182; a Universidade de Barcelona, no 194; a Universidade de Málaga, no 202; a de Oviedo, no 255; a Politécnica de Cataluña, no 510; a Universidade de Córdoba, no 624; a Pablo de Olavide, no 687; a Universidade de Burgos, no 794; a Universidade de Granada, no 945; a Universidade de Lleida, no 973, e a Universidade de Zaragoza, no 1.005.

Segundo o método do Wikipedia Ranking of World Universities, as dez universidades máis influíntes do mundo son, por orde: 

  1. Universidade de Cambridge (Reino Unido)
  2. Universidade de Oxford (Reino Unido)
  3. Universidade de Harvard (Estados Unidos) 
  4. Universidade de Columbia (Estados Unidos) 
  5. Universidade de Princeton (Estados Unidos) 
  6. Instituto Tecnolóxico de Massachusetts - MIT (Estados Unidos) 
  7. Universidade de Chicago (Estados Unidos) 
  8. Universidade de Stanford (Estados Unidos) 
  9. Universidade de Yale (Estados Unidos) 
  10. Universidad de California - Berkeley (Estados Unidos)

Nesgos

Un dos peros que se lle pode poñer a esta clasificación é que a Wikipedia favorece a universidades más antigas que xeraron un impacto cultural maior. Porén, no caso da Universidade de Santiago de Compostela isto non se dá. Tamén se pode argumentar que non se analizaron os textos en todos os idiomas, incluído o galego, pero o certo é que as tres universidades galegas contan tamén con artigos publicados nas edicións en inglés e española da Wikipedia, que se posicionan mellor nos resultados dos buscadores que as páxinas da Galipedia.

Outra das dúbidas que xorden é o modo en que os propios nesgos dos editores da Wikipedia poden influír á hora de editar os artigos e as referencias ás distintas universidades, así como o claro dominio que teñen uns idiomas sobre outros na produción de artigos na enciclopedia libre. Hai quen pensa que as páxinas da Wikipedia poden ser susceptibles de edicións interesadas ou parciais, ou que carecen de rigor e de calidade, o que lle restaría fiablidade, segundo os máis ortodoxos. Porén, en decembro de 2005 a revista Nature fixo un estudo no que comparou a precisión dunha mostra de artigos de Wikipedia e da Enciclopedia Británica. Os expertos analizaron 42 artigos sobre temas científicos, incluíndo biografías. Os artigos foron comparados por colaboradores académicos que permaneceron no anonimato, seguindo a práctica común para as revisións de artigos de revistas científicas. A investigación de Nature revelou que os textos da Wikipedia mostraban de media catro errores ou omisións, mentres que na Enciclopedia Británica esta media foi de tres. O estudo concluíu que Wikipedia se achega á Enciclopedia Británica en termos de precisión das súas páxinas de ciencia.

O certo é que a Wikipedia se converteu nunha das principais fontes de información secundaria no mundo e nun termómetro válido para medir a popularidade dun tema, polo que esta clasificación pode ser válida para avaliar a popularidade das nosas universidades, cando menos entre os cidadáns internautas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta