España 2016: ¿Huxley, Orwell, ou ambolosdous? (I)

Andan nos whatsapps unhas viñetas comparando, moi simplificadamente, o Mundo Feliz de Huxley có 1984 de Orwell. Segundo elas, Huxley predixo a submisión polo pracer, namentras que Orwell subliñaba a submisión polo control e a represión. Dando por boa a simplificación, España lamentablemente hoxe semella ter os dous. Na miña opinión —inevitablemente discutible— España xa leva un bó tempo traspasando unhas liñas roxas alén das que non se debería chamar “democracia liberal constitucional” a un réxime; en particular (pero non só) tras a reforma do Código Penal e máis da Lei de Seguridade Pública.

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 20/12/2015

Comparte esta noticia
A sumisión do poder ao Dereito é escasa. Ningunha democracia constitucional é perfecta, pero España xa está nunha fase ben pouco democrática, ainda menos constitucional, y (isto sería o menos novidoso) casi nada liberal no sentido de libertade política, non de liberación de instintos. Lembrarase que Maio do 68 mesturou liberación de instintos con libertade política. Resultado: “Los Que Mandan” descubriron axiña (se non o sabían xa de antes) que a liberación de instintos, sin liberdade política, pode medrar o que sexa, que non lles ameaza  seriamente en nada. 
 
Non poucos indicios, anovados tralos atentados de París, apuntan a outra volta de parafuso cara á autocracia: véxanse as anticonstitucionais propostas de reforma constitucional do pobriño Hollande. Eu pregúntome que dirían os grandes medios se as propuxera un goberno latinoamericano.
 
Simplificando, ¿que hai en España hoxe de huxleyano? Pois hai “soma”, fútbol, consumismo, hipersexualización. Huxley decía (Mundo Feliz, 2ª ed.) que “o Ditador” faría ben en fomentar as liberdades sexuais.
 
¿E de orwelliano? Hai estado policiaco (¿cántas veces vemos máis policías que manifestantes?); “telepantallas” (infinidade de cámaras e radares), universal screening (control sobre todo o que facemos todos), desproporcionadas multas, criminalización de canto o goberno desexa criminalizar, represión da liberdade de manifestación e outras, “neolingua” (ésta nada nova).
 
Nos eidos como Lei de Seguridade Pública, Código Penal novo, tráfico e impostos, o panorama xa é autocrático-orwelliano abondo. Idealmente, o bó cidadán neo-liberal non pagaría impostos non sendo que foran xustos (se puidera), non obedecería a lei porque si, se non por ser xusta (igualmente, se poidera), desconfiaría de todo poder político mesmo democrático, como Locke e os Founding Fathers, e sentiríase incomodo con todo control, mesmo cando é necesario. En circunstancias ordinarias, sentir adhesión espontánea aos gobernantes e policías, non sendo que foran Teresas de Calcuta (non moi habitual) non será o máis normal.
 
Estamos na campaña electoral. Os partidos, incluíndo os novos, apenas debaten encol da UE e a falla de democracia nela, da lei de ferro das oligarquías, da falla de democracia directa, o control mental e cultural, as esmorecentes liberdades políticas, as listas electorais bloqueadas, afloxar o puño de ferro estatal. Algúns dos novos, como Ciudadanos, aínda parecen querer apretalo. In dubio pro libertate deixou paso a “na dúbida, polo control”. Na dúbida se poñer ou non un novo radar, unha nova videocámara, unha nova obriga aos notarios de informar a Facenda, a resposta será afirmativa. Alcumar á policía (antes cousa de rutina, xa dende os villeus da Casa da Troia) págase máis caro agora que no franquismo.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.