España 2016: ¿Huxley, Orwell, ou ámbolos dous? (II)

O novo terrorismo e a obsesión coa seguridade subministran interminábeis argumentos contra a liberdade política. Como din na serie “Person of Interest”, “you are being watched”, todos nós, a toda hora. A nosa vida vaise facendo como andar polos patios dun enorme penal do tamaño de España: podes moverte e facer moitas cousas, pero sempre vixiado, como no panopticon de Bentham.

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 05/01/2016

Comparte esta noticia
As vellas ditaduras artesanais, de policía bigotudo e porrazo, tiñan que abrir as cartas unha a unha, así que abrían só as sospeitosas (pechándoas despois mal); hoxe, os cuasi-totalitarismos soft controlan doadamente todas as comunicacións, todos os pagos por riba de 3000 € ou feitos con tarxeta, todas as viaxes dun mínimo de importancia. E os xuices non nos defenden moito.
 
Os gobernos municipais de tipo Marea decían traer algo novo, pero fora da súa particular guerra ao Cristianismo, non hai demasiada sustancia. A ORA coa obriga de poñer a matrícula (Santiago) mantense, e póñense ducias de radares nos semáforos, mesmo en zonas tranquilas (Coruña). Suprimen símbolos de Nadal sen que a xente o pida, e veñen con ridiculeces como o bautismo civil. Non é máis que acné xuvenil, din algúns, e pode ser, pero o poder sobre nós non diminúe; a liberdade política non medra. No seu gosto por acumular poder, no seu escaso aprecio pola liberdade política, na súa intolerancia, na súa desconfianza no cidadán, comparable a de Facenda ou Interior, non se alonxan dos gobernos centrais. ¿Que farán eses novos semáforos? Aumentar o control  e a recadación: para eso non precisabamos partidos novos. Huxley e Orwell seguen igual.
 
Para nos relaxar pouco, imos a Portugal. Aquelo non é a Atenas de Pericles, pero a garra do Estado e máis lene; non hai tantos controis nin vixiancias; os gardas son máis tolerantes; pódese falar con eles. Con só pasar a raia, déixase de ver cada pouco un radar, un painel cunha nova campaña de control —aquí sempre teñen algo que controlar—. Como dí o meu amigo o Prof. Paulo Cunha, “somos um povo de costumes brandos”. E Galicia tamén o é (ou era?), por eso deberíamos nos afastar da rixidez e legalismo destes novos españois-prusianos do sur, que en dicindo “la ley es la ley y es para cumplirla” o “el Estado de Derecho no puede tolerar X” coidan rematar unha discusión. Na Galicia a maneira de gobernar ten que ser máis do País: máis humana, máis de tipo “malo será”, “xa falaremos”, “depende”, costumes brandos
 
Sen ter chegado nunca a ir, España está xa de volta do constitucionalismo. E non é un problema do PP/PSOE; é de ela, de España.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.