Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2024 | Actualizada ás 15:16
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, demandou ao Ministerio de Transportes unha solución polos atrasos do AVE a Galicia ante unhas incidencias "moi escandalosas". "Xa vai sendo hora de que reaccione", dixo a preguntas dos xornalistas tras continuar as incidencias nos últimos días, algo que o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, achacou a unha "treboada perfecta".
Fíxoo en referencia ás obras para a renovación de infraestruturas, a chegada do novo material rodante (o Avril) e unha demanda "nunca vista". Pola súa banda, o titular do Executivo galego remitiuse, ao ser cuestionado polas últimas incidencias tras o Consello da Xunta, ao "exercicio de confianza" dado por esta cando se rexistraron os primeiros problemas. "Dixemos que esperabamos que se arranxasen e todo foi a máis", recalcou.
"A porcentaxe é altísima, estamos a normalizar que sempre pase algo", afirmou ante os problemas que se están rexistrando e as denuncias de usuarios e usuarias neste sentido. "E se a unica solución do Ministerio é dicir que non é para tanto, eu dígolle que si e que xa vai sendo hora de que reaccione", insistiu tras as manifestacións a este respecto do seu titular, Óscar Puente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.