Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2024 | Actualizada ás 17:26
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que "a cidade funciona mellor" e anunciou un final de ano cheo de proxectos como o contrato de residuos, a licitación de Mollavao e Rosalía de Castro, a programación dos premios Feroz, a adxudicación do parque da Parda, a resolución das subvencións deportivas, a compra da parcela para o edificio de emerxencias ou a programación dun Nadal familiar.
A estes e outros programas e iniciativas que están sobre a mesa do goberno local referiuse este xoves o alcalde nun almorzo informativo cos medios de comunicación.
Segundo destacou Lores, estes proxectos inmediatos do Concello de Pontevedra no inicio do curso político demostran "que tomamos nota", tal e como anunciara na súa toma de posesión e no balance do seu primeiro ano como alcalde deste novo mandato.
Desde o seu punto de vista, "Pontevedra funciona mellor en termos xerais", aínda que recoñece a existencia de "certas disfuncións" que son "mellorables". "Estamos a traballar nelas, pero, aínda así, a cidade funciona moito mellor", insistiu.
Neste balance, Lores lembrou que durante este tempo aprobáronse dúas modificacións de crédito, de 10 millóns de euros a primeira e de 1,5 a segunda, polo que quixo "resaltar e valorar positivamente o voto favorable de todas as forzas políticas".
Para o rexedor nacionalista "houbo un cambio respecto da actitude que tiñan no inicio de mandato". "Espero que esta liña se siga sostendo por parte das concelleiras e concelleiras da oposición", engadiu.
Por último, o alcalde avanzou que o "futuro inmediato" estará cheo de "moitos proxectos" sendo o máis importante para Lores o contrato de residuos domésticos e limpeza viaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.