Sanidade lembra as recomendacións para evitar a proliferación do mosquito tigre

A presenza do mosquito tigre notificouse por primeira vez en Galicia a principios de agosto de 2023 no concello de Moaña.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/09/2024 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade indicou que, tal e como ocorreu o pasado ano, no mes de setembro espérase unha maior proliferación do mosquito tigre, polo que lembrou as recomendacións para evitar a súa proliferación.

Nun comunicado, explicou que, a maneira máis efectiva é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con pautas simples como eliminar puntos de auga estancada en bebedoiros de animais e mascotas, pratos baixo macetas e caldeiros á intemperie. Para conseguilo, débense de baleirar ou renovar a auga cada catro-cinco días.

A presenza do mosquito tigre notificouse por primeira vez en Galicia a principios de agosto de 2023 no concello de Moaña e, posteriormente, atoparon exemplares en Vigo, Cangas, Redondela e Vilaboa.

A importancia deste vector, ademais das súas picaduras, é que é un potencial transmisor dos virus de enfermidades como o dengue, o Zika e o chikungunya, aínda que actualmente en Galicia o risco de contraer estas enfermidades é moi baixo. Por iso, recomendan á poboación da zona afectada o mantemento dunha boa hixiene persoal e o uso de repelentes eficaces para minimizar o risco de picaduras.

Mosquito tigre / JAMES GATHANY - CDC - Arquivo  / Europa Press
Mosquito tigre / JAMES GATHANY - CDC - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta