Por Europa Press / Redacción | VIGO | 16/09/2024 | Actualizada ás 11:34
O BNG de Mondariz responsabilizou este luns ao equipo de goberno de Alternativa por Mondariz (AporM), que presentou a súa dimisión o pasado 11 de setembro, de "entregar" o concello ao PP, pola súa "incapacidade de gobernar e buscar consensos".
O goberno local do municipio, encabezado polo alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín 'Calis', presentou a súa dimisión en bloque alegando que os grupos da oposición impedían aprobar o orzamento municipal e puñan en risco a estabilidade do municipio, que pode ser intervido polo Estado debido á súa situación financeira. Con todo, tanto PSOE como BNG rexeitaron as acusacións do rexedor e lamentaron que foi Alternativa por Mondariz o grupo que demostrou a súa incapacidade de xestionar, de chegar a acordos e de endereitar a situación.
O BNG (formación á que pertenceu 'Calis' e pola que foi concelleira entre 2007 e 2012) censurou a "ineptitude" do rexedor, e denunciou que o goberno local "bloquea calquera posible solución á situación de desgoberno".
Ademais, do mesmo xeito que xa apuntara a portavoz do PSOE, Violeta Lois, o feito de dimitir pero conservar as actas de concelleiras "non deixa aclarado a súa é para volver recuperar a alcaldía e o goberno noutro mellor momento", o que supón "unha posición pouco respectuosa cos veciños e veciñas de Mondariz", ademais dun "comportamento impropio de calquera formación política á fronte dun concello".
"Non é certo que a oposición bloquee os orzamentos", subliñou o portavoz nacionalista, Xosé Emilio Barros, que lembrou que os grupos da oposición "asumen que os orzamentos de 2024 debería considerarse como aprobado, incluíndo as emendas parciais aprobadas no pleno do 1 de agosto", que supoñen "non asalariar catro do cinco concellarías como pretende AporM".
Segundo o BNG, o alcalde e os seus concelleiros "néganse a aceptar a democracia, ao non respectar unha votación plenaria e retirar o orzamento no transcurso do debate. "A manifesta incompetencia de 'Calis' e o seu grupo para negociar fai que se chegue a esta situación, a unha auténtica tomadura de pelo para os veciños", proclamou Barros, que advertiu do risco de que o PP, segunda lista máis votada, recupere o goberno do municipio.
Finalmente, o grupo nacionalista reiterou a súa dispoñibilidade para "calquera tipo de negociación, sempre que sexa afrontada con rigor e responsabilidade" e reclamaron aos edís do goberno dimitido que "traballen en busca dunha saída digna a esta lamentable situación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.