Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2025 | Actualizada ás 18:18
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou este martes en Ourense que o Grupo Parlamentario Socialista presentará unha proposición de lei para debater na Cámara galega co obxectivo de garantir unha atención primaria "en condicións dignas, con equipos completos e nun prazo máximo de 48 horas".
"Todos lembramos cando chamabamos ao centro de saúde e atendíannos ao día seguinte ou aos dous días. Iso xa non existe. Agora hai que esperar sete, dez ou mesmo 15 días para ver ao médico de cabeceira", reprochou Besteiro, que visitou o centro de saúde da Ponche, "símbolo do abandono e a saturación que sofre a atención primaria".
Así, detallou que a proposta inclúe a redución de prazos, a limitación de pacientes por consulta, a dotación de equipos completos en todos os centros e a posibilidade de activar probas diagnósticas desde a atención primaria, sen depender da derivación hospitalaria.
Nesta liña, Besteiro defendeu "racionalizar os tempos" nas consultas e "pór máis recursos humanos". "Hoxe hai médicos atendendo 40 pacientes por día. Así non se pode prestar unha atención de calidade", advertiu.
Neste contexto, o líder dos socialistas galegos acusou ao PP de executar "durante 15 anos unha estratexia de degradación planificada da atención primaria, recortando persoal e recursos en favor, nalgúns casos da privada".
Nesta visita, Besteiro tamén fixo referencia á agresión sufrida este luns por unha médica no CHUO, un feito que cualificou de "lamentable e nunca xustificable", pero que na súa opinión "é consecuencia da deterioración do sistema e da frustración acumulada pola falta de atención e a saturación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.