Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2024 | Actualizada ás 11:31
O PSdeG acusou ao BNG de "permitir unha anomalía ideolóxica" coa moción de censura contra o alcalde de Muxía, o socialista Iago Toba, que conta coa firma da única edil nacionalista no consistorio xunto a PP e Independentes por Muxía, nos que recaería o bastón de mando.
Nun comunicado remitido aos medios este venres, o secretario de Política Municipal do PSdeG e alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, cargou contra o Bloque por "facer seguidismo a intereses e escuros que pouco teñen que ver co ben común de Muxía".
"En política hai que saber ver máis aló dos choques persoais", remarcou Rodríguez sobre unha moción de censura que foi desautorizada pola executiva do BNG, que, ademais, abriu un expediente á súa única concelleira en Muxía, Mercé Barrientos.
A pesar de rexeitar a unión con PP e independentes, a formación frontista responsabilizou ao rexedor de Muxía da deriva na situación política do concello pola súa actitude "despótica e pouco democrática". Para os socialistas, "todo o que non pase pola expulsión do partido, é consentir o sucedido, ademais de facilitar gobernos da dereita". "A estabilidade é unha condición fundamental para a boa xestión e para o porvir de Galicia, e as formacións políticas deben ter a responsabilidade de contribuír a ela", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.