Co play-off a tiro

O Santiago Futsal gaña 3-2 ao Levante con sufrimento e suma xa 21 puntos, a tan só un dos oito primeiros, empatado co Burela. Os laranxas perderon 3-2 co Elx e suman catro derrotas consecutivas na segunda volta.

Por gcdeportes | Santiago / Burela | 16/01/2016 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Santiago Futsal 3:
Marcos Vara, Hugo Sánchez, Iván Rumbo, Catela e Diego Quintela -cinco inicial- Álex Diz, Dani Montes, Antonio Diz, Santi, Pablo Mel e Pablo Tallón.
Levante UDDM 2: Sergi, David Ruíz, Márquez, Pichi e Charlie –cinco inicial- Cristian, Sena, Hugo, Kiko e Borja Milán.
Goles: 1-0: Diego Quintela (minuto 2). 2-0: Hugo Sánchez (minuto 18). 2-1: Hugo (25’). 3-1: Dani Montes (28’). 3-2: Charlie (36’).
Árbitros: Redondo Arenales e Viedma Martín. Amarelas a Marcos Vara no Santiago Futsal e a Borja Milán e Hugo no Levante.
Incidencias: partido da 19ª xornada da LNFS celebrado no Multiusos Fontes do Sar con arredor de 1.000 espectadores. Reapareceu Pablo Tallón tras catro meses lesionado. David Rial, técnico do filial, sentouse no banco compostelán pola sanción a Santi Valladares.

Malia a todos os problemas, a un punto do play-off polo título. Necesitaba o Santiago Futsal a vitoria parar resarcirse da derrota 11-1 co Inter Movistar, e acadouna, 3-2 con sufrimento, ante o Levante no Fontes do Sar. O Santiago suma xa 21 puntos, os mesmos que o Burela Pescados Rubén, que sumou unha nova derrota, a cuarta consecutiva, co Elx (3-2). Dous minutos e Santiago Futsal púxose por diante no marcador cun tanto de Diego Quintela en xogada de estratexia tras saque de banda. Co 1-0, os locais seguiron buscando o gol pero atopáronse co meta valenciano Sergi, o mellor dos seus na primeira metade. Catela e Dani Montes puideron facer o 2-0, pero este non chegou ata o minuto 18, obra de Hugo Sánchez, cun tiro dende a frontal da área. Pero na segunda parte, os valencianos deron un paso adiante e levaron perigo ata a meta galega, sendo determinante Marcos Vara para manter por diante ao Santiago Futsal. No minuto 25, Hugo acurtou distancias para o Levante. Respostou axiña Dani Montes, que superando a asfixiante presión rival anotou o 3-1 cun disparo cruzado. Apostou o Levante por porteiro-xogador e Charlie, no segundo pau, puxo o 3-2 a falla de cinco minutos. Sufriu o Santiago Futsal nos últimos minutos, pero os tres puntos quedaron en Compostela.

Ficha técnica
Elx 3:
Javi, Raúl Manjón, Juanjo, Carlos Anós, Kiwi -cinco inicial- Jesús García, Pitu e Óscar Ruiz.
Burela Pescados Rubén 2: Álex, Jorge Bellvert, Iago Míguez, Carlitos, Antoñito -cinco inicial- Chano, Chino, Isi, Hélder e Iago Rodríguez.
Goles: 1-0: Carlos Anós (minuto 2). 1-1: Hélder (8’). 2-1: Kiwi (19’). 3-1: Óscar Ruiz (32’). 3-2: Iago Rodríguez (39’).
Árbitros: Martínez Segovia e Munez Carpintero. Amarelas a Hélder, Iago Rodríguez e Chano no Burela Pescados Rubén.

Dende que gañou 3-4 a Antequera e se meteu na Copa, o Burela suma catro derrotas consecutivas. Ribera Navarra, Palma, Magna Gurpea e agora Elx. Daniel Ibañes acabou cabreado cos seus xogadores, polos agasallos ao rival, e lles pediu tensión para loitar polo obxectivo de estar nos play-offs polo título. Burela deixou escapar unha boa oportunidade de sumar os tres puntos e subirse á sétima posición na clasificación.
Ao pouco de principiar, o Elx aproveitou un agasallo laranxa para poñerse 1-0 cun gol de Carlos Anós. O Burela acusou o golpe e os ilicitanos crecéronse, pero aínda así Hélder acadou a igualada (1-1) no minuto 8. Os locais seguiron con máis intensidade e agresividade, e pouco antes do descanso Kiwi, nunha boa acción individual, marcou o 2-1. Na continuación, os burelaos non lograron reaccionar e o Elx foi aumentando en confianza e méritos para facerse acredor do triunfo. O meta local Javi evitou o empate nun par de ocasións laranxas e, no minuto 32, Óscar Ruiz, tras xogada de Raúl Manjón, marcou o 3-1. Burela apostou polo xogo de cinco para tentar trocar o rumbo dun encontro de claro cor local. Pouco antes do remate, Iago Rodríguez fixo o 3-2, pero sen tempo para máis e o Elx sumou tres puntos merecidos ante un gris Burela.

Antonio Diz remata a portaría levantina.
Antonio Diz remata a portaría levantina. | Fonte: @SantiagoFutsal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta