Seguen as perdas en Adolfo Domínguez

A empresa téxtil galega perdeu 16,6 millóns nos nove primeiros meses do ano fiscal e pechou 23 tendas.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 16/01/2016 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

A empresa de moda Adolfo Domínguez segue sen levantar cabeza. A pesar dos ERE's, cambios na súa dirección e na súa orientación empresarial segue rexistrando perdas. Nos primeiros meses do ano fiscal --de marzo a novembro de 2015-- foron 16,6 millóns, un 61,2% máis que no mesmo período do ano anterior.

Unha das tendas de Adolfo Domínguez
Unha das tendas de Adolfo Domínguez | Fonte: adolfodominguez.com

Segundo lle comunicou a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), as vendas do grupo neste período reducíronse un 11,1%, até 72 millóns, mentres que as vendas en tendas comparables -sen ter en conta aperturas, peches ou reformas- caeron un 5,7%.

Segundo a compañía, esta situación xa quedou resolta durante a tempada de primavera-verán e foron debidas ao atraso nos prazos de entrega da mercadoría por varias "incidencias" na súa cadea de subministración, xurdidas durante o plan de reestruturación do grupo.

O resultado bruto de explotación (ebitda) recorrente tivo un saldo negativo de 10,4 millóns de euros de marzo a novembro, fronte aos 2,8 millóns de euros negativos do mesmo período en 2014.

A empresa achaca este dato negativo tanto ao descenso de vendas como ao peche de 23 tendas de marzo a novembro, dentro do plan de axuste de puntos de venda non rendibles para a téxtil.

A 30 de novembro, Adolfo Domínguez contaba con 324 establecementos en España e Portugal, 20 menos que a marzo de 2015 e 46 menos que os que tiña 12 meses antes. No resto de países, a compañía pechou o seu terceiro trimestre con 232 tendas, 3 menos que as que tiña en marzo.A débeda financeira neta da sociedade aumentou un 36%, pasando de 14,3 millóns de euros a 19,4. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eanes

Non digo que o feito de manifestarse o señor Domínguez en contra da lingua galega sexa o motivo desta situación (seguramente hai que ir a datos macroeconómicos para descubrilo), pero sei de familias de tres ou catro membros que deixaron de compralle por esa causa. Pensou que toda a súa clientela era doutra ideoloxía?