Por Galicia Confidencial | Vigo | 18/01/2016 | Actualizada ás 13:42
O pasado mes de novembro foi achada unha nova especie de cangrexo exótico en augas galegas, en concreto, na ría de Vigo. Trátase dun exemplar de cangrexo azul Callinectes sapidus (Portunidae), de 300 gramos de peso, capturado na praia de Canabal pola tripulación do barco 'O Vilela', pertencente á confraría de Pescadores San Xosé de Cangas do Morrazo.
O grupo Ecología Azul fixo públicas as imaxes deste exemplar, pertencente a unha especie exótica invasora orixinaria do Atlántico occidental, que se atopa desde Canadá até Arxentina, e introducido por vez primera en Europa en 1900, en Francia. O propio grupo científico sinala que se trata do primeiro rexistro de cangrexo azul Callinectes sapidus en Galicia. A súa identificación foi posible grazas á bióloga Berta Barreiro, técnica da confraría de pescadores de Cangas.
Segundo explican os propios científicos no seu blog, esta especie súmase a outros tres cangrexos exóticos capturados recentemente na ría de Arousa: o Panopaeus africanus, o Pilumnopeus africanus e o Pachygrapsus gracilis. "O número de especies exóticas mariñas en Galicia incrementouse notablemente nos últimos ano co conseguinte perigo para o ecosistema e as especies nativas", salientan.
O grupo deu a coñecer este vídeo tomado nada más chegar ás instalacións da lonxa de Cangas:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.