Obra, 'deja vu' en Bilbao

Derrota por 88-83 nun encontro con semellanzas ao vivido a semana pasada en Sar co Tenerife: un mal segundo cuarto (26-12) fixo inútil a reacción tralo descanso. Bilbao estará na Copa na Coruña, que se sortea este luns co Obradoiro como anfitrión.

Por gcdeportes | Compostela | 24/01/2016 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Bilbao Basket 88:
Hannah (18), Bertans (9), Álex Mumbrú (24), Alex Suárez e Axel Hervelle (5) -cinco inicial- Raúl López (3), Ruoff (8), Tobias Borg (12), Bogris (4) e Borja Mendía (5).
Obradoiro 83: Donnie McGrath (20), Bendzius (13), Waczynski (19), Caloiaro (7) e Triguero (2) -cinco inicial- Tyler Haws (3), Álex Brown (3), Pustovyi (7), Santi Yusta (7), Pepe Pozas (2) e Fran Cárdenas (0).
Parciais: 27-23, 26-12 (53-35), 16-21 (69-56), 19-27 (88-83).
Árbitros: Arteaga, García Ortiz e Zamorano. Eliminaron por cinco faltas persoais a Pustovyi (minuto 40).
Incidencias: partido da 17ª xornada da Liga ACB con 9.432 espectadores no Bilbao Arena.

Caloiaro tenta frear a entrada a canastra de Álex Mumbrú.
Caloiaro tenta frear a entrada a canastra de Álex Mumbrú. | Fonte: Arrizabalaga (ACB Photo)

Oito partidos, oito derrotas .O Rio Natura Monbus Obradoiro rematou a primeira volta sen gañar lonxe de Sar. Como noutras ocasións nesta tempada, igual ca pasada semana co Tenerife, inmolouse nun espantoso segundo cuarto (26-12) que marcou o resto do encontro, e o espectacular intento de remontada (chegou a estar 78-72) morreu na parte final do choque. Ao final, 88-83 para o Bilbao Basket, que estará na fase final da Copa do Rei na Coruña, na que o Obradoiro será o equipo anfitrión.

O Obra comezou ben. Saíu á pista concentrado, con ritmo e con acerto, e plantou cara a Bilbao durante dez minutos. E todo malia a conceder demasiadas triplas cómodas a Bilbao, que en catro minutos anotou catro. A clave estivo en ataque, onde Donnie McGrath asumiu o papel de líder e o equipo atopou o aro con facilidade gracias á dirección do base americano, que ademais de asistir anotou oito puntos neste período. O equipo de Moncho Fernández, chegou incluso a estar por diante en varias ocasións, a derradeira con 22-23 na recta final. Pero nun suspiro, varias malas accións defensivas e os puntos de Mendía e Álex Mumbrú comezaron a rachar o partido ao remate do primeiro cuarto (27-23).

O segundo agudizou o baixón obradoirista. Igual que lle sucedera fronte a Tenerife na pasada xornada, o equipo galego desapareceu completamente do partido. Bilbao soubo aproveitalo e con seis triplas (10 de 20 ao descanso) foi rachando o choque. Foi manexando unha vantaxe arredor dos dez puntos que o Obra non foi quen de reducir en ningún momento. No derradeiro minuto, un parcial de 7-0 con antideportiva de Bendzius e cinco puntos de Borg (tripla imposible incluída), deixou o partido encarrilado para os intereses locais (53-35).

O paso por vestiarios non trouxo unha mellora inmediata. Malos ataques unha e outra vez doObradoiro, unidos ao acerto de Clevin Hannah dende a liña de tres, o continuo traballo de Mumbrú e a constante actividade de Hanna aumentaron aínda máis a diferenza cun parcial de 13-8. Moncho Fernández solicitou tempo morto e aí si que foi quen de mudar o partido. Comezou a aparecer Waczynski en ataque, a defensa mellorou e conseguíronse moitas segundas opcións gracias ao bo traballo no rebote ofensivo (cinco no terceiro cuarto). Con estes ingredientes, o Obradoiro gañou o parcial do cuarto (16-21) e mantiña as esperanzas (69-56) para o período decisivo.

No derradeiro cuarto, Obradoiro volveu ter problemas en ataque no principio. Só tres puntos en catro minutos, pouco ritmo de anotación cando hai que buscar a remontada. A contrapartida, en troques, foi positiva, xa que unicamente recibiu unha tripla de Borg nese tempo.Cun parcial de 0-6 con Yusta e Haws como protagonistas, a xesta comezaba a ter visos de realidade. Sito Alonso tivo que parar o partido con 78-72 e Bertans e Mumbrú deron aire os seus dende as triplas. Moncho Fernández respondeu con outro tempo morto e os puntos de Waczynski acurtaron ata menos 6. Pero todo rematou a partir dese momento. Tripla de Hanna, falta en ataque a Waczynski e unha máis que dubidosa a Caloiaro na loita por un rebote remataron coas esperanzas de acadar a primeira vitoria lonxe de Sar.

No sorteo da Copa deste luns na Coruña, Valencia Basket, Barcelona, Laboral Kutxa e Real Madrid serán cabezas de serie, e completarán os oito participantes Herbalife Gran Canaria, Bilbao Basket, Fuenlabrada e Rio Natura Monbus como equipo anfitrión do torneo.

Crónica de José Ángel Santoveña (@JoseA_Santovena)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta