Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2024 | Actualizada ás 11:51
As notarías de Galicia rexistraron no primeiro semestre do ano 2024 algo máis de 23.000 testamentos, e nso últimos tres anos, asináronse unha media anual de 50.675 testamentos, segundo os datos feitos públicos polo Colexio Notarial de Galicia.
A provincia na que se rexistraron máis documentos no primeiros seis meses do ano foi A Coruña, con 10.276 testamentos, seguida de Pontevedra, con 7.568; Lugo, con 3.002; e Ourense, con 2.177.
O Colexio Notarial sinalou que facer testamento "é recomendable a calquera idade", porque "achega seguridade xurídica, garante o respecto á vontade e intereses do testador, e contribúe a evitar problemas sucesorios entre os posibles herdeiros".
Para facer testamento basta con acudir co DNI a un notario, que de modo gratuíto asesoraá xuridicamente ao testador. O testamento notarial é un documento cun custo medio de entre 38 e 50 euros.
Cando morre un familiar é necesario facer unha consulta ao rexistro xeral de últimas vontades (pódese facer por internet) para saber se esa persoa fixo testamento. Se é así, notificarase ao notario que o custodia, ao que haberá que acudir para dispor dunha copia e saber que se herdou.
No testamento pódense incluír outras moitas disposicións, como o recoñecemento de fillos, a designación de titores en caso de falecemento ou o nomeamento dunha persoa como testamentario dixital, para que se encargue, por exemplo, de pechar as contas do falecido en redes sociais.
TESTAMENTO 'AB INTESTATO'
Cando unha persoa falece sen outorgar testamento, unha situación legalmente coñecida como 'ab intestato', o Código Civil ou a lexislación civil de cada Comunidade Autónoma determina a quen corresponde herdar, seguindo unha orde de parentesco.
A declaración de herdeiros 'ab intestato' é máis complexa e custosa que un testamento, porque hai que ir ao notario cunha serie de documentos e dúas testemuñas que coñezan á familia do falecido e que, en caso de ser parentes, non teñan interese directo na declaración. Con todo, as herdanzas adxudicadas a partir de testamento triplican ás de 'ab intestato'.
No que respecta á desheredación, a lei recoñece poucos casos nos que se poida desheredar a un fillo. As causas máis comúns que permiten facelo son que aquel lle negue o alimento ao seu proxenitor e/ou o someta a malos tratos físicos ou psíquicos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.