"Os responsábeis de tomar decisións que custan vidas non poden marchar impunes"

O voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública en Santiago ensina nesta entrevista as costuras do SERGAS. Entre outras, o motivo de non ofrecer a vacina da meninxite e algunhas novas mediciñas para o cancro. As listas de espera en primaria é outro dos temas desta entrevista con José María Dios, galeno con 30 anos de experiencia.

Por Manuel Vilas | Santiago | 28/01/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela e as asociacións de pacientes seguintes: Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía do CHUS (AUSO-CHUS), Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (ADICAM), Asociación Oncohematolóxica “Por + Vida”, Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama “Punto e seguido” e a Asociación de Transplantados de Médula Ósea (ASOTRAME) denunciaron recentemente a restricións do uso de fármacos oncolóxicos diante do Valedor do Pobo. Falan de desigualdade entre Comunidades Autónomas na dispensación dos fármacos anticancerosos de última xeración. Está o SERGAS a atrasar estes medicamentos para aforrarse cartos?

José María Dios
José María Dios

O SERGAS, como moitas administracións, é moi forte cos débiles, e moi débil cos fortes e poderosos. O que denunciamos é a discriminación nos tratamentos de procesos oncolóxicos nos diferentes hospitais de Galicia, pero tamén nos do resto de España e os de Europa. Temos catro filtros para aprobar un medicamento: a AEM (Asociación Europea do Medicamento), a AEMS (Asociación Española do Medicamento e da Sáude), os comités de farmacia de cada área sanitaria e o comité de Galicia. Como vemos, son catro filtros para, con criterios só economicistas, dispensar ou non un medicamento para a mesma patoloxía oncolóxica. O tempo que se tarda en aprobar un medicamento, a lei di que non debe sobrepasar os 180 días; pero e temos constancia de atrasos de 300 días.........

Vostede é doutor no SERGAS dende hai máis de 30 anos e diplomado en xeriatría. Coa perspectiva de tantos anos de traballo, que comparación fai entre o sistema que se atopou ao empezar na sanidade pública e o que hai agora?

Na evolución do tempo que eu levo traballando, o deterioro do sistema Sanitario Público, é evidente. Chámalle no SERGAS reformas, pero o que son son recortes, puros e duros: se lle fai pagar os pensionistas, cando antes non se pagaba, se retiraron 460 medicamentos da financiación, os asegurados teñen que pagar polas prótese, polo transporte sanitario, etc.....

Pódese dicir que as persoas maiores son as que máis padecen os recortes no sistema público?

A xente maior, que é a que máis necesita o servizo sanitario público, que para iso pagou toda a súa vida, non recibe o que era de esperar: unha asistencia sanitaria pública, universal, gratuíta e de calidade. Dende logo, a calidade vese moi tocado, cando non se substitúe o persoal e os que quedan teñen que facer o traballo deles e dos que faltan, polo mesmo salario e ca masificación correspondente dos servizos.

Nos últimos anos os gobernos impuxeron unha taxa de reposición que impide as Administracións Públicas renovar o seu cadro de persoal ao mesmo ritmo ca as xubilacións. Como afectou este proceso ao SERGAS e a calidade da antención médica? 

É evidente que onde había 6 si agora hai 4, e o traballo é o mesmo ou máis, a calidade vese perxudicada pola falta de persoal. Non debería ser unha medida moi acertada cando agora xa está a tasa de reposición no 100%. Pero; quen se fai responsable do deterioro producido na calidade asistencial? Asmedidas que se toman a nivel político non teñen consecuencias? Claro que si pero os politicos que as toman, vanse ou son cesados e os seus actos quedan impunes. Non debería ser así. Debería actuar a xustiza e que os responsable de tomar decisión inxustas (e que custan vidas como a retirada da vacina da meninxite B, cun morto en Boiro......) paguen polos actos que realizaron.  Parece que a Xustiza xa o vai facer no tema da non dispensación de medicamentos para os enfermos da Hepatite C.   

Onde se notan máis os recurtes?

Por suposto, onde máis se nota é na Atención Primaria: nunca existiu lista de espera en Atención Primaria e agora a temos de 4 e 5 días, tanto para consulta como para probas diagnósticas. Incrible pero certo.

Hai moita polémica, e preocupación entre os pais, polos atrasos na subministración da vacina contra a meninxite. A Xunta insiste en que a incidencia é mínima e por iso négase a incorporalo ao calendario obrigatorio. Cal é apostura da Plataforma ao respecto? Que consello lle daría aos pais?

A vacina foi retirada e introducida de novo: por algo será....Pode un estado facer fronte a 4-5 mortes de nenos, si previamente aforrou moitos millóns de euros? O estado pode facer fronte...pero cando a polémica aumenta, a xente sae a rúa e se manifesta contra estas medidas, o estado retifica...pero as consecuencias, xa se produciron. Teñen que saber os políticos que si privatizan a sanidade pública, pódeno facer ata que a xente se da conta. Cando isto sucede, volven atrás o feito e creen que xa está o tema resolto. E non. A Sanidade Pública temos que defendela todos os días e cambiar xa unhas políticas, que en Galicia e en España deterioraron e deterioran a calidade asistencial ata límites insospeitados. Como dicimos na Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela, nas nosas charlas: “A Sanidadde Pública está en perigo”, pero de nós dependerá que o deterioro non sexa irreversible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta