Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2024 | Actualizada ás 17:41
A Xunta de Galicia modificou a Lei de portos para permitir ampliar os prazos de vixencia das concesións asentadas en terreos portuarios de titularidade autonómica, chegando ata os 75 anos no caso das empresas con actividade estratéxica.
Este cambio normativo articulado a través da Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos para 2025 foi trasladado este xoves polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, á Confederación de Empresarios de Galicia, como principais beneficiarios potenciais da medida.
No acto, do que informou a Xunta nun comunicado, Villares, que estivo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou que á Comisión mar industria da CEG que o obxectivo principal da nova regulación, que unha vez aprobada, entraría en vigor o 1 de xaneiro de 2025, é "reforzar a actividade económica dos portos e a seguridade xurídica dos concesionarios" que se asintan neles.
Para iso, simplifica a regulacións das prórrogas das concesións en dominio público dos portos galegos e amplía os seus prazos de vixencia no caso de que se afronten investimentos de importancia. Tal como indicou o conselleiro, o cambio permitirá, en primeiro lugar, que as concesións que teñen unha relevancia estratéxica para a actividade do porto poidan ampliar o seu prazo máximo de vixencia de 50 a 75 anos sempre que apoien esta ampliación cun investimento ou achega económica proporcionada, cun mínimo de 500.000 euros.
En segundo lugar posibilitará ao global das concesionarias portuarias ampliar os seus prazos de prórroga ata un 50% máis do prazo inicial, respectando en todo caso o tope máximo de 50 anos. A Xunta destacou que esta medida redundará no incentivo á actividade económica que se desenvolve nos portos de Galicia por parte das empresas titulares de concesións administrativas que contarán con maiores garantías para os seus investimentos. Ademais, deste xeito, indicou que se compasa a normativa autonómica e a estatal para evitar que a lei galega puidese ser máis restritiva que a española.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.