O campamento romano de Aquis Querquennis, escenario dunha longametraxe

Bande acolle a rodaxe do debut de Gabriel Azorín na dirección de longametraxes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2024 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

O complexo arqueolóxico Aquis Querquennis, no concello ourensán de Bande, é o escenario principal da coprodución galego-portuguesa 'Onte á noite conquistei Tebas', debut de Gabriel Azorín na dirección de longametraxes.

Unha película cuxo tema central é a amizade e que conta cunha repartición e equipo internacional para rodar en galego, portugués e latín dúas historias separadas por "máis de 2.000 anos". Un proxecto que iniciou a súa rodaxe no complexo a finais de setembro con todo o equipo do filme, encabezado por Filmika Galaika, e que este xoves recibiu a visita do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen asistiu á gravación dalgunhas das secuencias neste campamento romano.

O responsable de Cultura do Goberno galego, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, felicitou ao director e á súa produtora executiva, Beli Martínez, polo avance dos traballos que deron comezo o pasado mes de setembro.

Así mesmo, lembrou que se trata de "unha das sete filmacións de proxectos subvencionados pola Xunta desenvolvidas durante este segundo semestre do ano" en diferentes localizacións galegas. Ademais, a Xunta sinalou nunha nota de prensa que a maior parte destas producións contaron tamén co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Mocidade nas fases previas dos proxectos. É o caso de 'Onte á noite conquistei Tebas', para a que Filmika Galaika "dispón dunha subvención de máis de 255.000 euros".

Con todo, indicou que outra produción de Filmika Galaika subvencionada pola Xunta, 'A parra', de Alberto Graza, obtivo recentemente o "gran premio" da sección 'Alquimias' da Seminci de Valladolid.

Campamento romano de Aquis Querquennis, en Bande
Campamento romano de Aquis Querquennis, en Bande | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta