Que noite do Celta no Calderón!

O equipo celeste xogará as semifinais da Copa quince anos despois tras vencer 2-3 o Atleti con dous tantos do Tucu Hernández e un golazo de Guidetti. Este venres, sorteo.

Por gcdeportes | Vigo | 27/01/2016 | Actualizada ás 23:44

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Atlético de Madrid 2:
Miguel Ángel Moyá; Juanfran, Giménez, Godín, Filipe Luis; Koke, Gabi, Saúl Ñíguez (Óliver Torres, 62’), Carrasco (Correa, 59’), Griezmann e Vietto.
RC Celta de Vigo 3: Rubén Blanco (Sergio Álvarez, 46’); Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny; Radoja, Daniel Wass, Tucu Hernández; Orellana, Iago Aspas e Guidetti (Beauvue, 81’).
Goles: 0-1: Tucu Hernández (minuto 21). 1-1: Griezmann (minuto 28). 1-2: Guidetti (minuto 56). 1-3: Tucu Hernández (minuto 63). 2-3: Correa (81’).
Árbitro: Mateu Lahoz. Amarelas a Vietto (minuto 15), Filipe Luis (68’), Gabi (77’) e Koke (79’) no Atleti e a Guidetti (35’) e Hugo Mallo (68’) no Celta
Incidencias: partido de volta dos cuartos de final da Copa do Rei no estadio Vicente Calderón ante preto de 37.000 espectadores.

Aspas, Wass, Orellana, Cabral, Tucu, Guidetti... todo o Celta celebrando o pase a semifinais.
Aspas, Wass, Orellana, Cabral, Tucu, Guidetti... todo o Celta celebrando o pase a semifinais. | Fonte: lfp.es

Quince anos despois, o Celta estará nas semifinais da Copa do Rei trala contundente vitoria no Calderón. Tres goles marcaron os celestes, dous do Tucu Hernández e un golazo de Super Guidetti, a un equipo que só encaixara oito en 21 partidos de Liga, e o Atleti acabou impotente e con malos modos trala exhibición celeste do segundo tempo. Espectacular e merecido premio para a ousadía dos homes do Toto Berizzo, que saíron a gañar sen especular, nin co 0-0 nin co 1-1. O Celta agarda xa rival para semifinais.

A aposta de Berizzo de reservar titulares en Vallecas resultou perfecta, e o Celta saiu co seu mellor once (ausente Nolito). Pero principiou intenso o Atleti, coa defensa adiantada e impedindo a saída de balón celeste, e sufriu o Celta coas constantes chegadas locais á área. No minuto 14, Rubén Blanco detivo en dous tempos un disparo de Griezmann e recibiu os tacos de Vietto, que se lanzou a polo rexeite, no peito. De novo Rubén Blanco evitou o gol no man a man con Saúl no minuto 18, ante a pasividade da defensa, e o mesmo Saúl tivo outro man a man co meta celeste, pero errou no último control e foiselle o balón.

O Celta non saía do seu campo, pero no minuto 21, Tucu Hernández marcou coa testa tras un preciso centro de Orellana nunha xogada de estratexia. O Atleti quedou tocado co 0-1, pero atopouse co gol do empate e pouco durou a ledicia celeste: Griezmann aproveitou un rexeite de Rubén Blanco a tiro de Yannick Carrasco para poñer o 1-1 antes da media hora. Empate, igual que ao comezo, pero favorábel ao Celta, co gol a domicilio, e os do Cholo Simeone obrigados a buscar o gol tralo descanso.

Rubén Blanco quedou no banco pola entrada de Vietto e saiu Sergio Álvarez, pero non pasou os mesmos apuros na reanudación o Celta, que controlou o partido, co traballo colectivo na presión sobre o rival en todo o campo. Guidetti plantouse só diante de Moyá nunha contra pero parou o meta rival. Foi un aviso do espectacular golazo do sueco. O Celta recuperou a pelota, Aspas pasou e Guidetti, que cun forte disparo dende fóra da área fixo o 1-2. O Calderón quedou calado.
Simeone meteu a Correa, que nada máis entrar rematou ao longueiro, pero axiña Tucu Hernández fixo o terceiro, segundo na súa conta, nun remate coa testa a centro perfecto de Hugo Mallo. En oito minutos, o Celta tumbou o Atleti e pechou a eliminatoria. E seguiu traballando e presionando. Correa meteu o medo no corpo ao celtismo co 2-3 tras unha xogada individual, pero o Celta non pasou máis apuros. Quince anos despois, o Celta estará nas semifinais da Copa.

John Guidetti celebra o golazo que supuxo o 1-2.
John Guidetti celebra o golazo que supuxo o 1-2. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta