Por que hai tantos cancros na Facultade de Socioloxía e Comunicación da Coruña?

O novo reitor anuncia que estudará se hai algún tipo de relación entre o edificio e as enfermidades, aínda que di que as doenzas “van ligadas á idade”.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/01/2016 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

As alarmas acendéronse na Facultade de Socioloxía e de Comunicación do campus de Elviña, na Universidade da Coruña. Nos últimos tempos varios dos seus traballadores sofren diversos tipos de cancro e algúns cren que isto pode estar relacionado cos materiais de construción do edificio, construído hai 25 anos.

Julio Abalde, cuarto pola esquerda, celebra a vitoria como novo reitor da UDC.
Julio Abalde, cuarto pola esquerda, celebra a vitoria como novo reitor da UDC.

O novo reitor da universidade, Julio Abalde, tivo que saír o paso destes rumores e este mércores dixo que está en fase de estudo a posible relación desta facultade cos cancros padecidos por varios traballadores. Con todo, descartou que poida existir un vínculo.

Abalde compareceu ante os medios de comunicación tras o primeiro Consello de Goberno do seu mandato e  dixo que esta situación preocupa na UDC, aínda que suliñou que "non existen problemas de salubridade ou de saúde pública". De momento, dixo, “non hai ningunha evidencia de que pode haber algún risco sanitario".

Por iso, realacionou as enfermidades máis coa idade que co edificio. “Na facultade hai casos de enfermidade como no resto dos centros da UDC. A Universidade acaba de cumprir vinte e cinco anos, a maior parte do profesorado ten vinte e cinco anos máis que cando empezou. As enfermidades moitas veces están máis ligadas á idade e neste caso é unha franxa máis propensa", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta