Por E.P. | Ferrol | 06/11/2024 | Actualizada ás 14:40
Unhas 500 persoas manifestáronse este mércores en Ferrol en apoio aos traballadores da empresa Maitours, do grupo Alsa, que cumpren nesta xornada 115 días en folga indefinida, reclamando que se lles aplique o convenio sectorial provincial do transporte de viaxeiros por estrada, que ten unhas mellores condicións sociais e laborais que o seu --da antiga Tranvías de Ferrol, unha empresa xa extinguida--.
A mobilización partiu ás 11,30 horas desde as inmediacións do centro cultural Carvalho Calero e finalizou na Praza de España, ante o edificio administrativo da Xunta.
Segundo asegurou Paulo Carril, secretario xeral de CIG, os algo máis de 30 condutores de Maitours levan desde o 15 de xullo en folga, e con esta mobilización, con presenza de delegados de toda Galicia, o sindicato quixo mostrar o seu "apoio, solidariedade" e facer un "chamamento a continuar na loita, a seguir resistindo para conseguir o obxectivo desta folga, que é recuperar unhas condicións de traballo dignas".
Así, pediu que se aplique "o convenio do sector" e que se dea "unha solución" a unha situación na que a CIG denunciou "a complicidade tanto da administración galega como do Estado, que fan omisión da súa responsabilidade".
Segundo Carril, a Xunta "non fai valer as cláusulas da concesión #ante un incumprimento fragante da empresa, ao querer seguir aplicando un convenio que está por baixo do convenio do sector e que é ilegal". Igualmente, criticou "uns abusivos servizos mínimos, co obxectivo de rebentar esta folga, no canto de preservar a xustiza e a legalidade".
MINISTERIO DE TRABALLO
O máximo responsable do sindicato nacionalista tamén criticou á autoridade laboral do Estado, a Inspección de Traballo e o propio Ministerio de Traballo, censurando que o Goberno "segue mantendo vixente" a reforma laboral aprobada polo PP en 2012, aínda que cambiou "o artigo que impedía que os convenios de empresa teñan peores condicións que os convenios do sector".
"Estamos en 115 días de folga, reivindicando que se garanta a aplicación deste artigo do Estatuto dos Traballadores e as actuacións que se reclamaron ante a autoridade laboral seguen sen resposta", detallou Carril.
Por último, o portavoz da CIG tamén acusou ao goberno municipal de Ferrol de "estar disposto a permitir que se maltrate aos traballadores", que fan posible que "haxa un servizo público tan importante nunha área metropolitana", como é o de transporte de viaxeiros. Todo iso, criticou, para "favorecer a unha empresa sen importar que haxa unhas precarias condicións de traballo e que haxa un pésimo servizo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.