Adeus ao soño celeste

O Celta perde 4-0 en Sevilla e queda case sen opcións de disputar a final de Copa. Tivo dúas boas ocasións con 0-0 e o árbitro non sinalou un penalti ao Tucu Hernández con 1-0, pero os celestes acabaron superados por un rival intenso e efectivo, que marcou os tres últimos goles en tres contras.

Por gcdeportes | Vigo | 04/02/2016 | Actualizada ás 23:43

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Sevilla 4:
Sergio Rico; Coke, Rami, Kolo, Trémoulinas; N´Zonzi, Cristóforo (Carriço, 70'); Krohn-Delhi, Banega (Konoplyanka, 74'), Vitolo e Gameiro (Fernando Llorente, 78').
Celta 0: Rubén Blanco; Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny; Radoja, Daniel Wass (Chelo Díaz, 83'), Tucu Hernández; Iago Aspas, Orellana e Guidetti (Claudio Beauvue, 78').
Goles: 1-0: Rami (minuto 44). 2-0: Gameiro (59'). 3-0: Gameiro (62'). 4-0: Krohn-Delhi (87’).
Árbitro: Clos Gómez (aragonés). Amarelas a Iago Aspas (21'), Sergi Gómez (27'), Daniel Wass (38') e Radoja (81') no Celta e a Rami (51'), Krohn-Delhi (56'), Fernando Llorente (82') e Coke (82') no Sevilla.
Incidencias: partido de ida das semifinais da Copa no estadio Sánchez Pizjuán ante 37.000 espectadores. A volta, o vindeiro xoves en Balaídos. Debutou o chileno Marcelo Díaz no Celta.

Tres minutos fatídicos acabaron co soño celeste de xogar a final de Copa. Dúas galopadas de Gameiro case consecutivas e sen case oposición, tras dous erros defensivos celestes, puxeron o 3-0 e sentenciaron o partido. Noutra contra, Krohn-Delhi fixo o 4-0 e deixou decidida a eliminatoria. O Celta terá que buscar un imposible en Balaídos. "Mentres hai vida hai esperanza. Temos que saír co coitelo entre os dentes e apertar, a xente meréceo. E polo menos temos que gañar o partido”, avisa o capitán Hugo Mallo para o vindeiro xoves.

Tucu Hernández, tirado no chan tralo penalti non sinalado polo árbitro.
Tucu Hernández, tirado no chan tralo penalti non sinalado polo árbitro. | Fonte: lfp.es

O partido principiou a todo ritmo, con moita intensidade, e coa presión dos dous equipos impedindo xogadas elaboradas de ataque. Aínda así, o Sevilla avisou no primeiro minuto, cun remate coa testa de Kolo que se foi por pouco. A balón parado, como avisara Toto Berizzo na previa, os locais comezaron a crear perigo na meta de Rubén Blanco. No minuto 17, tras saque dende o curruncho, rematou a porta Vitolo, menos mal que petou no Tucu Hernández; no 24, Kolo rematou coa testa e obrigou a Rubén Blanco a lucirse. E o seguinte centro de Tremoulinas, N´Zonzi rematou preto do pau. O Celta sufría coa intensidade e o asedio sevillano, e Sergi Gómez derrubou a Vitolo dentro da área e o árbitro pitou penalti. Pero o lanzamento de Gameiro atopouse cun paradón de Rubén Blanco.

A fazaña do meta celeste deu folgos aos vigueses, e Sergi Gómez rematou coa testa ao traveseiro no minuto 30. Nunha contra no 34, Aspas pasou a Guidetti, que non puido rematar, pero o balón acabou chegando ata Tucu Hernández na área, quen disparou preto do pau. Pero o Celta sufría con cada balón á área do Sevilla, e no minuto 44 chegou o gol local, nun reamte coa testa de Rami tras un córner lanzado por Banega.

Tralo paso por vestiarios, o Celta comezou concentrado e coa idea de buscar un gol para ter vantaxe no partido de volta. E pisou área rival nun remate de Cabral no minuto 47. Rubén Blanco volveu lucirse cun paradón a lanzamento de falta de Banega, e no minuto 57, a xogada clave: contra do Celta, e tras un rexeite na área o balón chega ao Tucu Hernández, pero Kolo derruba ao chileno entrando cos tacos por diante. Os celestes lévanse as mans a cabeza: o árbitro non pita nada.

O Celta quería un gol, pero un córner a favor propiciou unha contra local, e Gameiro superou na carreira a Jonny, só na marcaxe, e marcou con facilidade ante Rubén Blanco. Tan só tres minutos depois, mesma xogada, mesmo resultado: Banega lanza a Gameiro que marca o 3-0 no man a man co meta vigués. Coma case sempre, malia o afundimento celeste, Berizzo tardou en facer os trocos. Entraron Beauvue e Chelo Díaz, as dúas fichaxes de invenrno. O Sevilla acusou o cansazo e pechouse no seu campo, pero os celestes, desmoralizados, non tiñan ideas e só Orellana tivo unha ocasión que detivo ben Sergio Rico. A tres minutos do final, de novo nunha contra e só diante de Rubén Blanco, Krohn-Delhi rematou o Celta co 4-0. Tarefa imposible para Balaídos. Antes da volta da Copa, o domingo e tamén co Sevilla, xornada de Liga.

Desolados Rubén Blanco e Jonny, tras marcar Krohn-Delhi o 4-0.
Desolados Rubén Blanco e Jonny, tras marcar Krohn-Delhi o 4-0. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xandokas

Paketes!!!!! ... xa estaban na final...... repartiron a pel do oso sen telo cazado......