Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2024 | Actualizada ás 14:08
Dúas persoas, un home e unha muller, resultaron feridas este luns nun accidente de tráfico rexistrado na AC-550, no termo municipal de Ribeira, segundo informou o CIAE 112 Galicia. O sinistro, no que estiveron implicados tres vehículos, ocorreu pasado o mediodía no quilómetro 104 desta vía, e foi necesaria a intervención dos bombeiros do parque comarcal de Ribeira e do grupo municipal de Emerxencias, porque unha das persoas feridas quedou atrapada no seu coche.
Ademais destes profesionais, participaron na intervención membros da Policía Local e de Garda Civil de Tráfico, mentres que os efectivos do 061 foron os encargados de realizar o traslado das dúas persoas feridas a un centro hospitalario. Así, o 061 enviou ao lugar dúas ambulancias de soporte vital básico, e foron trasladados ao Hospital do Barbanza un home de 79 anos de idade, J.O.S., e unha muller de 73 anos, C.O.G. Igualmente, os profesionais sanitarios atenderon no lugar do accidente a unha terceira persoa, un home de 42 anos, pero non foi necesario o seu traslado, e déuselle a alta voluntaria no mesmo lugar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.