As eleccións de Lugo, claves para o futuro do PPdeG

Raquel Arias, delegada da Xunta, plantará cara a Elena Candia, próxima ao salinte José Manuel Barreiro. Unha batalla que pode ser decisiva para escoller un eventual substituto de Feijóo.

Por M.V. | Lugo | 08/02/2016 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

Lugo será a provincia máis disputada nas eleccións provinciais que ten en marcha o PP. Raquel Arias, apoiada polo aparato do PP galego e delegada territorial da Xunta, oficializou hoxe a súa candidatura. Competirá con Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo.

Raquel Arias
Raquel Arias

En ningunha outra provincia hai candidatos de tal calado. En Pontevedra e Ourense saldrán elixidos -salvo gran sorpresa- Alfonso Rueda e José Manuel Baltar sen oposición. Na Coruña hai dous candidatos, pero Javier Escribano é considerado -tras a súa arquivada imputación- como un outsider pola maioría do aparato. 

En Lugo a competición é doutro calado. Candia, ademais de ser brevemente presidenta da Deputación tras a lea entre Bloque e PSOE, é unha persoa moi próxima a José Manuel Barreiro, o presidente que agora abandona o liderado do PP de Lugo.

Arias xa lle tirou unha pequena pulla a Barreiro esta mañá, cando se presentou na sede conservadora en Lugo para presentar a súa candidatura. A delegada da Xunta recordou que o presidente non formalizou a súa marcha até estes xoves, apurando os prazos. A política dixo que lle gustaría ter contado con máis tempo para presentar a candidatura.  Arias botou a fin de semana recollendo apoios entre os alcaldes e finalmente logrou montar un equipo “non continuísta, pero aglutinador”.

En fronte terá a Elena Candia, quen leva tempo preparando a súa candidatura e quen xa venceu a competición por lograr a presidencia da Deputación mentres BNG e PSOE non chegaban a un acordo. Candia goza do apoio de pesos pesados na provincia, como o deputado da Mariña José Manuel Balseiro, o que en teoría lle outorga vantaxe. Agora ben, cómpre lembrar que o PP leva varios lustros sen pisar moqueta  na Deputación e na capital da provincia, polo que a identificación de Candia co equipo anterior pode xogar  na súa contra.

As eleccións do PP en Lugo tamén teñen unha lectura galega. No caso de que Feijóo salte finalmente a Madrid e deixe a presidencia do PPdeG, o núcleo ‘urbanita’ que o elevou ao liderado tras a era Fraga necesita da provincia de Lugo para evitar que dende Ourense o baltarismo poida planear algún tipo de alternativa. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta