Por gcdeportes | Lugo | 20/02/2016 | Actualizada ás 21:18
Ficha técnica:
CD Lugo 1: Xose Xoan; De Coz, Carlos Hernández, Dealbert, Manu; Seoane; Iriome (Pablo Caballero, 64'), David López (Sergio Marcos, 53'), Campillo (Álvaro Lemos, 79'), David Ferreiro e Jonathan Pereira.
CD Leganés 2: Serantes; Víctor Díaz, Pablo Insua, Mantovani, Soriano; Timor (Albizua, 91'), Alberto Martín; Omar Ramos, Gabriel Appelt, Szymanowski (Galarreta, 82') e Borja Lázaro (Rubén Peña, 65').
Goles: 0-1: Borja Lázaro (minuto 28). 1-1: David López (min. 40). 1-2: Gabriel Appelt (min. 66).
Árbitro: López Amaya (andaluz). Amarelas a De Coz (88') nos lucenses e a Mantovani (45'), Soriano (45+) e Pablo Insua (90') no Leganés.
Incidencias: partido da 26ª xornada de Segunda División disputado no Anxo Carro ante 3.610 espectadores.
Sen vitorias no Anxo Carro dende o 12 de decembro (3-1 á Ponferradina). Un Lugo sen alma viuse superado polo Leganés, quen gañou 1-2 pero puido facer máis goles no segundo tempo. Xa son cinco as xornadas consecutivas sen vencer ante a súa afección, con tan só 2 dos últimos 15 puntos na casa. Trala derrota, os de Luis Milla quedan no medio da táboa con 36 puntos.
Os lucenses amosáronse impacientes, con moitas imprecisións en tódalas zonas do campo, especialmente na defensa e no centro do campo. O Leganés tampouco creou moito perigo na primeira parte, pero aproveitou a fraxilidade defensiva local para adiantarse no minuto 28 cun remate á reviravolta de Borja Lázaro tras pase de Szymanowski.
Co marcador en contra, os de Luis Milla espertaron e pisaron área rival. Pereira perdonou no man a man con Serantes no minuto 35 e Carlos Hernández rematou coa testa por riba da portaría tres minutos despois. Víase vir o gol do empate, que chegou no minuto 40: David López confiouse e rematou ao pau, pero aproveitou a segunda oportunidade para igualar o choque 1-1. Omar Ramos tivo o segundo para os madrileños pero o seu disparo cruzado foise desviado.
O Leganés dominou e foi moi superior ao Lugo tralo descanso. Szymanowski tivo a primeira ocasión para os visitantes. Ao Lugo limitábase a defender e non lle duraba a pelota, e Luis Milla buscou a reacción dos seus con Sergio Marcos e Pablo Caballero en punta, pero Rubén Peña, que acababa de entrar no campo, a piques estivo de facer o segundo. O Leganés obtivo a recompensa no minuto 66, axudado pola falla de intensidade da defensa lucense, que aproveitou Appelt para poñer por diante os de Asier Garitano.
O Lugo estaba groggy, impotente, e case sen actitude, e tivo sorte pola falla de puntaría de Szymanowski, quen tivo un par de ocasións para facer o terceiro. A única ocasión para os lucenses na recta final foi para Álvaro Lemos, pero Serantes, ex do Lugo, despexou a córner. A vindeira semana, visita a Zaragoza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.