Por Galicia Confidencial | Wisconsin | 29/02/2016 | Actualizada ás 10:00
Sabiamos que o tempo se esgotaba cando o pasado xullo presentamos En memoria de tanto miragre no compostelán Instituto da Lingua Galega. Francisco Dubert, sempre paciente e agarimoso, fixérao chegar á Praza da Universidade mentres Xulio axustaba tódolos detalles con esa puntualidade británica que David lle fora cedendo ó longo dos anos de colaboración no Year's Work in Modern Language Studies. Era a homenaxe ó primeiro catedrático de estudos galegos nomeado nunha universidade estranxeira, de quen chegou a dicir un alto e harmónico cargo autonómico que onde el traballase habería un centro de estudos galegos: velaí por que se fundaron o Seminario de Estudos Galegos na inglesa University of Birmingham e o Irish Centre for Galician Studies do irlandés University College Cork.
Toda esta epopea comezou en Birmingham –e en Oxford– e de alí pasou ó resto das universidades do mundo onde hoxe se ensina a lingua propia de Galicia. Eran tempos dun optimismo que co tempo acabariamos chamando galicianista, mais ningúen tentara antes cousa á maneira nin sabiamos como iamos ensinar e divulga-la lingua asoballada e proletaria ós feitores do maior imperio moderno. Se cadra foi obra da xenerosidade e o optimismo estoico, ou ata poida que desa ousadía imperial británica que modulou o amor atopado en anos escuros dunha Galicia acolledora e receptiva.
Xa en plena enchenta galicianista, arribei en agosto de 1995 a New Street Railway Station. David Mackenzie convidárame a falar da situación social do galego nun ateigado Congreso Internacional de Hispanistas que el organizaba na University of Birmingham. O avión de Lavacolla a Heathrow e mailo tren desde London Euston sabotearan a proverbial puntualidade británica, e era case madrugada cando puxen pé en New Street Station, nun tempo en que os teléfonos intelixentes aínda eran obxectos de uso exclusivo para empregados do MI5 e MI6 coma Bond. Canso e aturdido na miña primeira visita británica e inseguro no meu inglés, camiñei polo andén da estación ata que unha voz de ollos azuis, prosodia galega e cabelos albións me saudou tranquilizante. Que inusual empatía a daquel catedrático falangueiro que agardaba de vagariño por un bolseiro de investigación galego con tese de doutoramento en proxecto, sen importárenlle as présas dos altos hispanistas que o agardaban como Presidente do congreso o día seguinte na Muirhead Tower. Aquel día entendín que un aprende máis dos sorrisos e a espera xenerosa que do stiff upper lip de académicos supostamente distinguidos.
Ignoro se foi casualidade ou fastío acumulado o que, un lustro despois, me levou a recuncar en Birmingham como Honorary Lecturer de lingua e cultura galegas. David xa procurara leiras máis verdes en Irlanda cando alí percibín in situ o bo traballo seu a prol de Galicia desde o barrio brummie de Edgbaston. E moitas foron as visitas académicas irlandesas e os encontros estivais galaicos posteriores antes de chegar á fresh coast do medio oeste norteamericano.
Aquí, na terra dos soños incompletos, existía un importante legado para min ignoto do exhaustivo traballo realizado por David Mackenzie durante os estíos norteamericanos, en colaboración con colegas da máis distinguida tradición medievalista norteamericana, que xa antes alimentara Ramón Martínez López no seu exilio estadounidense de posguerra. En Wisconsin producira David algunhas das súas máis destacadas obras, e en 2010 os azares caprichosos levárono a revisitar esa anhelada conxunción entre Mendota e Monona de sempre tan feliz recordo como profesor visitante. Os seráns deliciosos organizados por Pablo en Kalamazoo visaban a conexión que durante décadas caracterizara a vetusta tradición wisconsinita. Naquel tempo agora xa pretérito a bonhomía de David permitíalle deitar pontes nun Milwaukee de antigos recordos familiares ós que superpoñía as conexións celtas e irlandesas, por veces en tránsito Madison-Kalamazoo.
Pero a danza de Jack e a morte pechada nunha botella nunca se prolonga indefinidamente, e é natural que esta última acabe vencendo a desigual e inxusta batalla derradeira. Atrás quedan agora os estíos no Mendota, a ecdótica, as conversas á beira do solpor de Kalamazoo, e sempre as noites de Cork, Birmingham, Madison e Milwaukee. Mais algo permanece: o amor por unha Galicia que foi e seguirá sendo grande, grazas ó traballo dese galego por decisión que quixo ser efoi David Mackenzie. Desde Wisconsin, sit tibi terra levis.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.