A viaxe a ningures de Pedro Sánchez

O pacto do PSOE con C´s que aprobou este sábado a afiliación socialista, malia a abstención dunha metade da mesma, constitúe máis un sinal ca un camiño de goberno, xa que está condenado á derrota parlamentaria.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 28/02/2016

Comparte esta noticia

A investidura de Pedro Sánchez non será posíbel, ao só votar a prol os 131 deputados laranxas, socialistas e os dous canarios de CC e NC.  Abrirase, entón, o sábado un periodo de dous meses para acadar outro candidato, que semella moi difícil de xurdir. Despois, habería eleccións o 26 de xuño

Máis o pacto é sinal de cousas que están a pasar. Curiosas, cando menos senón moi significativas. O PSOE emenda de totalidade o seu programa electoral socialdemócrata e asume propostas nidiamente de centro-dereita, renunciando a medidas (revisión das contrarreformas local, laboral, educativa e de seguranza cidadá do PP) que son de amplo consenso nos ámbitos políticos progresistas de todo o Estado. Deste xeito, recoñece nidiamente que son os das portas xiratorias, os Felipes, Guerras e Rubalcabas, as persoas que mandan no partido. Seica o PSOE renuncia definitivamente á socialdemocracia.

Para máis, o PSOE ratifica de vez a súa inanidade fronte ao problema da plurinacionalidade de España e lle merca a C´s a súa visión centralista ,  como sempre tendeu mercárllela ao PP. O PSOE amosou non ter alternativa ao xacobinismo paifoco do PP e de C´s. Velaí a participación tan baixa que a consulta socialista obtivo no PSC.

Canto a Pedro Sánchez, é evidente que se reforzou no curto prazo. Mesmo garantiuse ser o candidato nunhas cada vez máis probábeis eleccións no verán. Mais deixar o amplo espazo do centro-esquerda a outros vaille custar, ao mellor de xeito definitivo, o carácter de referente dese espazo político, onde se sitúa a meirande parte da cidadanía, que  refuga frontalmente das resultas da lexislatura do PP.

Ese amplo espazo cidadán pedía un Goberno de progreso. E Pedro Sánchez non soubo, non quixo ou non puido dárllelo. De aquí a xuño Pedro Sánchez gastará o crédito que  gaña estes días e o PSOE ficará máis preto de ser secundario nas preferencias dos sectores sociais progresistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.