Temas: IMAXE

A beleza lugrisiana

Este bodegón pintado por Urbano Lugrís non é unha imaxe antiga. Tampouco é futurista nin actual. Sen embargo é unha visión familiar que traspasa os límites da realidade artística e a realidade natural. Artigo de Iria-Friné Rivera Vázquez.

Por Iria-Frine Rivera Vázquez | A Coruña | 07/03/2016 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

-E a que chama vostede o “irreal”?
-O que desborda os nosos pobres límites.
O testamento de Orfeo (1960,  Jean Cocteau).

Sen título. Urbano Lugrís. Dimensións: 57 x 48 cm. Técnica: óleo sobre taboa
Sen título. Urbano Lugrís. Dimensións: 57 x 48 cm. Técnica: óleo sobre taboa | Fonte: Colección Abanca

O tema -un ramo de corais e cunchas nun floreiro entre dúas imaxes, unha cuncha e unha chave colgando- representa un ambiente sinxelo de gran beleza e, o mesmo tempo, un espazo onde supérase os termos do incuestionable. O que permite unha apreciación mais profunda é que o extraordinario inspirase na realidade. Trátase do aspecto real da irrealidade.  

Este bodegón pintado por Urbano Lugrís non é unha imaxe antiga. Tampouco é futurista nin actual. Sen embargo é unha visión familiar que traspasa os límites da realidade artística e a realidade natural, o mundo exterior e o interior, o instante e o permanente. Nel visualizase o insólito na vida diaria nun enigmático lirismo.  

Este cadro sobre obxectos cotiás ten o gusto e estilo recoñecible da beleza lugrisiana. Ten entre as súas referencias artísticas os bodegóns da pintura holandesa do século XVII (coma Jan Brueghel o Vello) e da pintura francesa do século XVIII (o caso de Anne Vayaller-Coster). Non trata tanto de copiar literalmente as composicións coma de ser capaz, o igual ca eles, de borrar os límites entre a la realidade externa e os da propia imaxe. A composición está marcada polo floreiro do primeira plano, que funciona como o eixe simétrico do cadro. As dúas imaxes na parede, quebran a simetría pero equilibran o xogo de liñas verticais e horizontais.
Coma en todas as obras de Lugrís, está presente unha gama cromática dinámica: branco, negro, rosa intenso, vermello, marrón brillante e dourado. A forza dos verdes e azuis está influída por Patinir. A luz poderosa do cadro resulta unha combinación de cores escurecidas xunta a cores de tons claros, de tal xeito que producen un contraste extremo, unha efecto aprendido de Canaletto e Zuloaga. O detalle figurativo resulta sobrenatural xunto as textura líquidas, algo acentuado pola transparencia e pincelada lisa da técnica do óleo sobre táboa, inspirado en Jan Van Eyck. O estilo individualista de Lugrís está influído polo Bosco e Arcimboldo, dando lugar a un tipo de imaxe definida polo seu impacto visual.  

As dimensións da obra non impiden a presencia de efectos pictóricos versátiles. Un exemplo delo é o ramo mariño. Os tallos multiplícanse e divídense, aparecendo no seus extremos ramificacións pintadas mediante pinceladas brancas milimétricas. Este detalle aumenta de forma sutil a presencia das ramas en todo o cadro. Por outro lado trátase dun efecto cun propósito estético, similar ao empregado en A habitación do vello mariñeiro (1946, Pinacoteca Francisco Fernández del Riego); para darlle o aspecto dunha postal a Habitación, Lugrís reproduciu engurras mediante finas pinceladas, coma se o cadro -un óleo sobre táboa- fose dobrado, pechado e aberto durante moito tempo.    

Outro dos efectos que Lugrís inclúe son as dúas paisaxes das paredes. Unha delas mostra unha praia co ceo nubrado e a outra, unha vista dende onde vese un barco no mar. No cadro, cal é o lenzo e cal a fiestra? Son dúas fiestras, dous lenzos ou unha fiestra e un lenzo? Ata que punto un marco pode indicar que é cada imaxe? No cadro aparece no mesmo plano un bodegón e unhas vistas mariñas, sumando varios xéneros pictóricos na mesma obra. Sen embargo o feito de non poder distinguir as paisaxes con claridade, suscita dúbidas. Tampouco ambas permiten saber que é cada imaxe, unha experiencia complexa vinculado a pintura de Magritte. Unha xunto a outra tamén veñen a sinalar a seguinte cuestión: a Arte crea de novo a realidade creada pola Natureza ou esta mesma realidade ten unha estética artística propia, recollida pola Arte? Lugrís afirma ambas no mesmo cadro.     

Por este motivo, na pintura son coherentes termos contraditorios. O cadro é a entrada a unha dimensión paralela, algo que ponse de manifesto en especial nos bodegóns de Lugrís. Obras coma O camarote do capitán (1940, colección particular), Fiestra (1943, Pinacoteca Francisco Fernández del Riego), Fantasía mariñeira (1944, Colección Abanca), Unha noite nos bosques de Viena (s.d, colección particular), Lembranza de mariñeiro (tamén coñecida coma Fantasía mariñeira, 1944/1946, Colección Afundación), Bodegón de medusas (s.d.), Fiestra ó mar (1945, colección particular) e O enigma das medusas (1947, colección particular) manifestan esta existencia entre dúas realidades. 

Existe unha simbiose entre estas pinturas e os artigos periodísticos de Lugrís. Os seus textos son escritos con descricións moi detalladas, onde abunda un gran número de obxectos. Cítanse cores, formas, sabores ou sons. A importancia de cada trebello mídese pola importancia que ten para o protagonista e non tanto polo obxecto en si mesmo. Lugrís escribe directamente sobre un feito ou un obxecto, sen atender a correlación de tempo, espazo e lugar. Son elementos que o artista por medio da estética da sinestesia traduce á pintura, engadindo coherencia e variedade os seus cadros. Esta singularidade continúa na súa era cubista (1950-1970) e surrealista (1970-1973), estendéndose en décadas coma unha enerxía electrizante. 

Temas: IMAXE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 angelhernandez

Realmente inspirador.

1 JULIA LÓPEZ

Unha clase maxistral frente a este bodegón. Novamente grazas, Iria.