As imaxes da xente motorizada e armada polas rúas de Venezuela amosan que este dirixente, que se asemella a un charlatán de feira, carece de principios e soamente ten como obxectivo manterse no poder a toda costa. Con todo, a oposición liderada por unha muller, terá que tomar boa nota, porque nun pais dividido en dous sectores antagónicos non quedará outra saída mellor ca da negociación política. O chavismo, despois de culpar á xente que creou empresas, e os emigrantes incorporou á vida electoral a sectores que no seu día vivían ó marxe do sistema político. E despois de darlles algo e prestarlle algunha atención armou con eles unha especie de exercito paralelo que está disposto a defender o poder establecido a costa do que sexa.
Non sei como rematará a época de Maduro e os seus acólitos. Pois este coas súas nacionalizacións deulle á cúpula militar unha serie de prebendas que son as que impiden que o exército se sume para que cumpla o veredicto da urnas.
Venezuela a terra que acolleu a milleiros de galegos, a terra que lle deu oportunidade a moitos dos nosos veciños anos atrás, hoxe ten un horizonte incerto. Ten un conflito social que pode acabar en enfrontamento civil. E agora, diante esta situación humanitaria onde fuxen do pais milleiros de cidadáns, Galicia acolle a estas persoas que chegan co posto escapando dun réxime que camiña imitando á ditadura cubana. Ditadura onde, despois de moitos anos de existencia, aínda hai militantes da esquerda desta terra que a xustifican e falan do bloqueo a esa illa, cando non é nada mais ca un embargo pola reclamación económica das empresas que no seu día foron expropiadas. Hoxe, despois de tantos anos de revolución, o país cubano vive nunha crise permanente atenazado por un sistema político que non funciona e que cuarta as liberdades dos cidadáns e encadea ós disidentes.
Por iso non entendo como a estas alturas a postura de partidos políticos, tanto galegos como a nivel de Estado votasen no Parlamento Europeo contra a postura maioritaria que condenaba a ditadura venezolana. O silencio diante a situación do que acontece nese país, amosa que este camiña cara un sistema totalitario é arrepiante. Mais as declaracións que recentemente fixo Maduro afirmando que estarían dispostos a defender a soberanía do seu pais diante o que chama inxerencias o igual que Cuba coas armas, sinalan que as cousas non serán sinxelas e que o diálogo ate parece ser complicado con persoeiros como este non recoñecen o valor da democracia.
Con todo, cabe lembrar que os países onde o populismo tomou o poder as cousas nunca foron ben para tales estados. Por iso, ollo co que acontece en Venezuela, pois de seguir o camiño actual emulando a Cuba, ten un futuro moi incerto. Un futuro escuro, pois sendo un país rico, pode acabar como unha terra moi pobre. Unha terra onde parte do sector social, a cambio dunhas prebendas controla á parte que quere mellorar e evolucionar ó igual que acontece aínda en Cuba. E eso soamente crea miseria. En fin, esperemos que os acontecementos muden o rumbo desta terra tan vinculada a Galicia pola emigración. E que en Venezuela florezan as liberdades e a democracia.