Besteiro anuncia que non será o candidato do PSdeG á Xunta pero seguirá como secretario xeral

O líder dos socialistas galegos marcha por "responsabilidade e coherencia" tras ser imputado na Operación Pulpo, o novo caso polo que está sendo investigado pola xuíza Pilar de Lara. Pero só deixará a secretaría xeral do PSdeG se se lle abre xuízo oral.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/03/2016 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

José Ramón Besteiro perdeu a primeira gran batalla que libraba contra a xuíza Pilar de Lara. O líder dos socialistas galegos anunciou que non se presentará como candidato ás primarias que o PSdeG celebrará para elixir o candidato deste partido á Xunta, unha carreira á que, ata este sábado,  non quería renunciar.

José Ramón Besteiro nunha rolda de prensa
José Ramón Besteiro nunha rolda de prensa | Fonte: psdeg-psoe.org

Perdeu a batalla, pero non a guerra porque Besteiro anunciou que seguirá como secretario xeral do partido, cando menos ata que se lle abra xuízo oral, que é o que estipula o código ético do partido. A súa intención e demostrar, como líder dos socialistas galegos, a súa inocencia e evitar que "unha xuíza o aparte da carreira política por intereses ocultos", segundo apuntou unha fonte da dirección socialista consultada por GC.

Besteiro reuniu de urxencia á Executiva do PSdeG este sábado para comunicarlle unha decisión que, previamente, consultou con Pedro Sánchez. E é que a súa segunda imputación nunha operación xudicial estaba xa afectando seriamente á credibilidade do secretario xeral do PSOE tras a insistencia de Ciudadanos de apartar ao líder dos socialistas galegos das vindeiras eleccións autonómicas.

Precisamente, a apertura de investigación contra el, dentro do marco da Operación Pulpo, que tamén investiga a xuíza Pilar de Lara, produciuse un día despois de que Sánchez o arroupara nunha visita que realizou a Coruña o pasado xoves. Por iso, a repercusión desta nova imputación foi aínda maior.

Besteiro, como xa dixo noutras ocasións, volveu criticar, precisamente, o momento no que se volve a actuar xudicialmente contra el, e criticou que, ao haber segredo do sumario, "non ten posibilidade de defenderse". As fontes consultadas destacaron que "está moi tranquilo" porque, ao igual que o outro caso no que está imputado, "está convencido de que vai sair impune".

Pilar de Lara decidiu investigalo como presunto autor de seis delitos e citouno o 11 de maio no xulgado. A xuíza impútalle os delitos de suborno, prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás Administracións públicas, fraude de subvencións e delito continuado malversación de caudais públicos. É a segunda operación na que De Lara implica a Besteiro. A primeira foi a coñecida como operación Garañón, que investiga un presunto trato de favor nunha recualificación urbanística no Concello da Coruña cando el era concelleiro de urbanismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 PacoV

Besteiro, Pachi, Orozco, Caballero, Formoso, Rodríguez, alcaldesa de Viveiro,... Queda alguén do Psoez por citar?

3 galegoexiliado

O enemigo público número 1. Mais delitos e acusacions que Al Capone, Vito Corleone e Luis Candelas xuntos. E a saber as que lle caerán mentras non se retire da política. Pronto veremos a sua foto en aeroportos e estacions de autobuses. Coido que o FBI e a intepol xa o teñen na sus lista de delincuentes de especial seguimento. Xa so falto o Gila dicindo aquello de "aquí alguien ha cometido un deliiitooo...." Lles güi Trump.

2 mariasss

¿en que lengua escribe pilar de lara?

1 Loira

Moi coherente. En perfecto castellano. Bye bye.