Por Xurxo Salgado | Compostela | 15/03/2016 | Actualizada ás 08:00
“O partido é un caos”. Deste xeito tan gráfico resume un histórico militante a situación interna na que se atopa o PSdeG logo de que o seu líder, José Ramón Besteiro, anunciara que non se presentará como candidato as autonómicas deste ano, aínda que continúe como secretario xeral.
Unha situación provocada tras a súa nova imputación que deixa ao PSdeG moi tocado. E as declaracións de distintos dirixentes locais deste partido apoiando ou criticando a Besteiro afondan aínda máis nese caos interno.
Entre os que están en contra súmanse o sector ourensán de Pachi Vázquez, que se pronunciou a través da ex deputada Laura Seara, ou da tenente de alcalde de Ferrol, Beatriz Sestayo. As dúas cren que Besteiro ten que dimitir e que se teñen que convocar primarias canto antes. No sector oposto están a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que apoian a decisión adoptada polo secretario xeral do seu partido.
Estas opinións reflicten a división interna que viven os socialistas galegos. Unha división que non é de agora e que se ven fraguando desde hai meses. Os críticos a Besteiro e a Pedro Sánchez cren que chegou o momento de asaltar o poder e poñer en evidencia a súa autoridade. Entre eles están o sector ourensán, o eurodeputado José Blanco e sectores locais da provincia da Coruña.
En fronte está Besteiro, que conta co respaldo de boa parte de Lugo, con Lara Méndez ou o presidente da deputación provincial, Darío Campos. Tamén do presidente da Deputación de Pontevedra, Valentín González, e da de Pontevedra, Carmela Silva. Tamén o do rexedor de Vigo, Abel Caballero.
Precisamente, chamou a atención a defensa que estes dous últimos dirixentes fixeron na última Executiva do PSdeG da postura oficial de atrasar as primarias ata despois do Congreso Federal do PSOE de maio. “É moi raro que tanto Caballero como Silva acudan xuntos a este órgano porque case nunca van”, apunta un dirixente consultado. A súa presenza e a súa defensa das mesmas teses que Besteiro fixo saltar as alarmas aos críticos.
O pacto Sánchez, Besteiro e Caballero
De feito, tras esa xuntanza, algún veterano dirixente xa apuntou a posibilidade dun pacto entre Besteiro, Sánchez e Caballero para situar a Carmela Silva como a vindeira candidata á Xunta. Un feito que ela negou xa en varias ocasións.
A nova imputación ao secretario xeral precipitou os acontecementos xa que tivo que anunciar, antes do que tiña previsto, a súa decisión de que non concorrería como candidato á Xunta. Sen embargo, a súa decisión de permanecer como líder do partido acaba de abrir un novo cisma interno.
Distintos cargos institucionais e alcaldes xa se comezaron a organizar. Algúns deles mesmo manterán reunións das súas comarcas ao longo desta semana para dar a coñecer a súa opinión pública. Unha opinión que, na maioría dos casos, e sen entrar a pedir a dimisión de Besteiro, si que reclama a celebración, canto antes, dun congreso extraordinario para elixir nova Executiva e de primarias para elixir candidato.
Tamén correntes internas como a plataforma En Positivo emitirá un comunicado este martes no que pedirá o adianto das primarias para “preparar as vindeiras eleccións en condicións” e “cun candidato sólido, sexa quen sexa”.
Entenden estes sectores que atrasar as primarias pode provocar aínda máis caos interno se o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, decide adiantar as eleccións autonómicas. Un feito que podería provocar que a propia dirección de Ferraz nomeara o candidato “a dedo”, e de xeito xustificado, ante a imposibilidade de convocar un proceso de primarias. “Unha candidata que podería ser Carmela Silva”, suliñan fontes consultadas.
"Non estamos niso, non é o momento. Díxeno onte e vouno a dicir hoxe, mañá e pasadomañá porque non cambiou nada e todos os dirixentes, así como calquera outro militante, cando se abra ese proceso poderán aspirar a iso”, dixo este luns a presidenta da Deputación de Pontevedra ao ser preguntada ao respecto.
Caamaño, candidato do sector crítico
E é que o sector crítico leva tamén algún tempo organizándose para presentar un candidato alternativo e, segundo as fontes consultadas, o ex ministro de Justicia con Zapatero, Francisco Caamaño, sería a persoa “con máis posibilidades” de presentarse a ese proceso. Contaría co apoio do sector ourensán de Pachi Vázquez, do sector de José Blanco e de amplas comarcas da Coruña.
Sen embargo, a súa candidatura tamén ten problemas. “É difícil que Caamaño poida gañarlle a Silva nun proceso aberto”, apunta outro dirixente vigués consultado. “Non son poucos os que se queixaron amargamente do mal que levou o partido na Coruña cando foi secretario provincial e deixou moitos inimigos alí”, indica. Por iso, e sabedor dos perigos de volver queimarse en política, Caamaño, segundo outros dirixentes próximos a el “xa pediu certas garantías”.
En todo caso, hai un sector importante do partido que considera que non se deben abrir novas frontes no PSdeG porque iso “beneficiaría” ao PPdeG. “O que non se pode é abrir falsos debates nin centrar a información en algo que neste momento non existe porque o proceso de primarias non está aberto", apuntou Silva este luns. “Non quero perder o tempo en cuestións que non están encima da mesa, porque iso só serve para facer ruído", indicou.
A pesar das fortes diferencias entre estes dous sectores, no que coinciden, é en cualificar de “proceso político” as imputacións que a xuíza Pilar de Lara abriu contra Besteiro. As distintas fontes consultadas coinciden en suliñar que hai unha “clara intencionalidade política” na súa actuación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.