Google homenaxea a galega que inventou en 1949 o libro electrónico

O famoso buscador dedica o seu doodle de hoxe a dona Angelita, a mestra de Ferrol que inventou a Enciclopedia Mecánica, precursora do e-book.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 28/03/2016 | Actualizada ás 10:49

Comparte esta noticia

Tal día como hoxe, hai 121 anos, nacía dona Angelita, unha mestra de Ferrol que foi a precursora xa en 1949 do que hoxe coñecemos como libro electrónico (o e-book). Unha pioneira á que Google dedica hoxe o seu doodle, a ilustración de cabeceira da páxina principal do famoso motor de buscas en Internet.

Doodle dedicado á mestra e inventora galega Angela Ruiz Robles.
Doodle dedicado á mestra e inventora galega Angela Ruiz Robles.

Ángela Ruiz Robles era leonesa de nacemento pero galega de adopción. Naceu na localidade de Villamanín o 28 de marzo de 1895 e morreu o 27 de outubro de 1975 en Ferrol, onde viviu case toda a súa vida. Foi precisamente na cidade galega onde dona Angelita, como era coñecida, exerceu como mestra e tamén como inventora.

"Na historia do e-book hai un elo perdido: o libro mecánico patentado en 1949 por unha mestra española", afirmaba xa en 2013 á axencia SINC Daniel González da Rivera, o neto de dona Angelita. O seu invento, a Enciclopedia Mecánica, ideada en 1949, coa patente número 190.698, é considerado un precursor do actual e-reader.

Dona Angelita inventou, escribiu libros, fundou a súa propia academia, axudou aos que pasaban por dificultades e coidou das súas fillas. A súa idea máis brillante materializouse en 1949, cando patentou un libro de texto para os estudantes que funcionaba cun sistema mecánico de aire a presión, ao que se podían engadir diferentes carretes correspondentes ás distintas materias, e ao que deu o nome de Enciclopedia Mecánica.

Características da Enciclopedia Mecánica

Tal e como se pode ler na descrición da patente, o aparello "leva unhas bobinas onde se colocan os libros que se desexe ler en calquera idioma. Por un movemento das mesmas van pasando todos os temas, facendo as paradas que se queira". O despregamento das bobinas facíase de forma mecánica, cun sistema que despregaba os carretes.

Dona Angelita, inventora en 1949 da Enciclopedia Mecánica, precursora do libro electrónico.
Dona Angelita, inventora en 1949 da Enciclopedia Mecánica, precursora do libro electrónico.

Ademais, segundo contaba a SINC María José Rodríguez Fortiz, profesora de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade de Granada, o prototipo que se construíu "non incluíu toda a funcionalidade para a que fora deseñado. A adición de son e luz, por exemplo, non puido facerse porque tecnoloxicamente non había nada inventado de pequeno tamaño para incorporar ao dispositivo", segundo esta profesora.

A Enciclopedia Mecánica tiña tamén un oco no que iría unha calculadora, que non se incluía no prototipo pola mesma razón que a luz e o son: aínda non existían máquinas de cálculo tan pequenas.

Do mesmo xeito que os lectores electrónicos actuais, o invento de dona Angelita permitía "facer zoom" mediante unha lámina transparente e irrompible que se colocaba sobre as materias, e que podía "levar a propiedade de aumentos", segundo a propia patente do aparello.

O texto explica que todas as pezas eran "intercambiables" e que se podía colocar "en perpendicular, facilitando a comodidade do lector, e evitando [...] esforzos intelectuais e físicos".

O obxectivo de dona Angelita era "reducir o peso dos libros" que os cativos debían levar nas súas carteiras e "facer o ensino máis atractivo para os alumnos", explicaba o seu neto para a axencia SINC. Outra das súas preocupacións eran "os nenos con algunha dificultade, por exemplo na vista, para os que ideou a posibilidade de graduar a lámina transparente baixo a cal se deslizaban os carretes".

Desgraciadamente, a Enciclopedia Mecánica nunca se chegou a comercializar, debido a que nese tempo "había outras prioridades no país e apostouse por outros proxectos. Ademais,  a implementación de todas as especificacións do invento era inviable", afirma Rodríguez.

O prototipo da Enciclopedia Mecánica que se construíu consérvase actualmente na sede do MUNCYT da Coruña.

"Nos seus últimos anos, Ángela tentou volvelo a construír, cando xa era todo tecnoloxicamente viable, pero non conseguiu apoio público nin financiamento privado. Que fose muller e española quizais contribuíu a iso", engade o neto.

Pero este non foi o único invento de dona Angelita, quen tamén creou o Atlas Científico Gramatical, unha especie de hipertexto con ligazóns no que, elixindo unha cidade ou pobo de España, se podería consultar sobre el información gastronómica, cultural, xeográfica, política e social do lugar. Ou tamén un método taquimecanográfico novo que pretendía axudar a escribir de forma máis rápida e fácil de aprender e lembrar, propoñendo unha nova agrupación das teclas na máquina e mesmo novas abreviaturas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

4 Miguelperez

Gallego era Franco y tb Rajoy y el padre de los Castro. Esta mujer es de León, una maragata de pro.

1 Bejetah777

Cuidado co que dis, ou tes algún problema ca miña patria?

3 bildungxfilister

Ángela Ruiz Robles era leonesa de nacimiento y que mas da? la cuestión es generar mas ignorancia es necesarios que aumente.

2 Cándido

Unha adiantada ao seu tempo.

1 Gallego

Merecido homenaje, pero no hagamos como los catalanes que hacen catalán hasta Cervantes, Santa Teresa de Jesús y Leonardo da Vinci, si cuadra. Doña Ángela era leonesa.

1 Gallego2

Uno no es de donde nace, sino de donde pace. Doña Ángela era gallega.

2 Gallego

Cuéntaselo a los del BNJA...

3 eusi

Aplícate o conto, que os españois facedes o mesmo por onde ides, o problema é que primeiro arrasades, matades e volatilizades todo o que tocades, despois españolizades...

4 S pain, no gracias.

Gallego, que pocas luces tienes, de verdad, que pena.

5 miguelperez

Panda de gallegos acomplejados.