Publícase por vez primeira en galego ‘Astronomía a ollo ceibe’, de Ramón María Aller

Coincidindo co 50 aniversario do pasamento do astrónomo galego, a Universidade de Santiago de Compostela e a Secretaria Xeral de Política Lingüística co-editan este volume, publicado orixinalmente en 1948 co título 'Astronomía a simple vista'.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 28/03/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Hoxe hai 50 anos do pasamento do astrónomo, matemático e catedrático galego Ramón María Aller. Con motivo deste aniversario, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Secretaria Xeral de Política Lingüística co-editan o libro 'Astronomía a ollo ceibe’, primeira tradución ao galego da obra publicada en 1948 'Astronomía a simple vista'.

Diante do Observatorio da USC, dende a esquerda, Valentín García, Juan L. Blanco, Xan Duro, Juan Viaño, Román Rodríguez, José Ángel Docobo e Rafael Cuíña
Diante do Observatorio da USC, dende a esquerda, Valentín García, Juan L. Blanco, Xan Duro, Juan Viaño, Román Rodríguez, José Ángel Docobo e Rafael Cuíña | Fonte: SERVIMAV-USC)

O novo volume foi presentado no Observatorio Astronómico da USC polo reitor Juan Viaño e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González. No acto participaron tamén o alcalde do Concello de Lalín, Rafael Cuíña; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia do Concello de Santiago, Xan Duro; o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo; e o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Juan L. Blanco.  

Pioneiro da astronomía galega

Ramón María Aller foi o iniciador da investigación astronómica en Galicia dende o seu observatorio particular en Lalín e logo como profesor de Matemáticas na USC, onde fundou e dirixiu o Observatorio Astronómico universitario que leva o seu nome e no que en 1945 se creou a sección de ‘Astronomía Teórica e Matemática Durán Loriga’ que co tempo sería o xermolo da Sección de Matemáticas da Facultade de Ciencias, da que Ramón Aller foi o primeiro catedrático. “O empeño do profesor Vidal Abascal, co firme apoio de Aller e Ferrín Moreiras, callou logo na creación da licenciatura en Matemáticas da universidade compostelá”, lembrou o reitor a USC.

Autor de varios libros e dunha longa lista de publicacións científicas en revistas especializadas, introdutor en España do estudo das estrelas dobres e director de cinco teses de doutoramento, observou desde o seu Lalín natal e máis tarde dende Compostela os máis diferentes fenómenos astronómicos, moitos de cuxos rexistros permanecen inéditos en numerosos cadernos de cúpula. 

Especialista en debuxo, reloxería, deseño de instrumentación científica, Aller é lembrado non só polas súas múltiples achegas e facetas científicas, senón tamén pola súa humildade e entrañable personalidade.  

Máis celebracións en Lalín 

O Concello de Lalín tamén lle adica hoxe dunha ofrenda floral e a inauguración dunha exposición no Museo Provincial con fotos, traballos e instrumentos do científico dezano, ademais de dúas charlas de José Ángel Docobo e Cecilia Doporto; o primeiro, sobre a produción científica de Ramón María Aller e a segunda, sobre asopinións de quen o coñeceron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta