O mural de Lugrís na Coruña será protexido como Ben de Interese Cultural

A Dirección Xeral de Patrimonio anuncia o inicio do procedemento a petición da Asociación Cultural O Mural e co informe favorable do Consello da Cultura, da Real Academia de Belas Artes e da Universidade de Santiago.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 31/03/2016 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Patrimonio inicia o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o mural de Urbano Lugrís que está na Rúa Real da Coruña. Un procedemento no que contou co informe favorable do Consello da Cultura Galega, da Real Academia de Belas Artes e da Universidade de Santiago.

Pinttura mural de Urbano Lugrís na rúa Real da Coruña.
Pinttura mural de Urbano Lugrís na rúa Real da Coruña.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou este mércores, 30 de marzo, no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución do 21 de marzo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural a pintura mural de Lugrís, por solicitude da Asociación Cultural O Mural.

O expediente debe resolverse no prazo máximo de vinte meses, desde a data desta resolución e ábrese agora un período de información pública durante o prazo dun mes, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. 

Características do mural

O mural de Urbano Lugrís está no número 74-76 da Rúa Real da Coruña e é unha obra representativa do surrealismo galego. Dende o ano 2010, a Asociación Cultural O Mural vén solicitando a súa declaración como ben de interese cultural.

Como se explica na propia  resolución da Xunta, a temática da obra é unha paisaxe onírica e figurativa da península da Coruña, cun primeiro plano da cidade e coa presenza de elementos icónicos e representativos como a Torre de Hércules, o castelo de Santo Antón, a cidade vella ou os desaparecidos muíños de vento de Monte Alto. As figuras dispóñense en diferentes secuencias marcadas pola composición horizontal, compoñendo volumes xeométricos, construcións metafóricas e a profusión de elementos mariñeiros. O mural, de 902x235 cm., é unha obra paradigmática do seu autor, resultado do momento da súa plenitude artística, singular polas súas dimensións e repleto dos seus elementos identificables máis característicos. Aínda que o mural non se conserva na súa totalidade, pode apreciarse coas suficientes condicións de integridade e os seus motivos manteñen as súas características compositivas e comunicativas intactas.

A paisaxe foi pintada para o salón de baile dunha sala de festas da rúa Real, actividade na que Urbano Lugrís foi prolífico e recoñecido. O panel inicial cubría a altura da planta e unha entreplanta. O local posteriormente acolleu a sede na cidade do Banco Hispano-Suizo e o Banco de Vizcaya, aínda que cun cambio na distribución de disposición de plantas que afectou a súa altura. Finalmente, desde o ano 1997, integrou a decoración do Caffé Vecchio, que dispuxo a súa distribución realzando a localización do mural, aínda que perdendo o seu contexto orixinal.

Todas as persoas propietarias ou xestoras do local amosaron ao longo do tempo o coidado e a preocupación pola súa preservación que permitiu a súa conservación nunhas boas condicións xerais e cos seus valores intactos.

Na obra conviven harmonicamente a imaxinación e o recordo, o traballo minucioso e preciso do debuxo, a selección de motivos figurativos, a forza con que se canaliza a expresión do mar, verdadeiro motivo central dun amplo panorama mediante a representación suspendida dun tempo indeterminado e permanente. Todo este imaxinario reprodúcese mediante un silencio estático, como un retrato completo do seu universo, elevando os seus valores artísticos incuestionables, moi escasos en Galicia no que se refire a pinturas murais do século XX, para converter o mural nun recurso sobranceiro do patrimonio cultural de Galicia.

Estado de conservación

O estado global do mural é estable no estrutural e na policromía, aínda que está afectado por condicións de humidade, fisuras e perdas de policromía puntuais, segundo se explica na resolución da Xunta. Aínda que non se realizou unha análise sistemática da súa composición e técnicas, existen evidencias de afeccións puntuais e deterioración dos materiais orixinais empregados, seguramente de escasa calidade, que producen un maior risco da estabilidade polícroma na parte inferior.

Nos anos 60 do século XX, e por mor do establecemento de oficinas bancarias no local onde se asenta este mural, eliminouse a súa parte superior que correspondería cunha entreplanta, aínda que non se ten testemuño de que tal perda afectase significativamente a expresividade dos motivos representados. Da parte que se conserva na actualidade, poden apreciarse lagoas puntuais de pequeno tamaño no terzo inferior do mural, ligadas á súa posición máis exposta ao uso.

Non se documentaron actuacións específicas de restauración, ben que os xestores do espazo cando o local estaba destinado a cafetaría informaron que en varias ocasións repintaron puntualmente as fallas que son recoñecibles na actualidade.

Pola perda de contexto da súa localización, polas condicións necesarias para a súa conservación, e co fin de evitar os riscos derivados das situacións descritas, ademais dos que derivan da propia vulnerabilidade da técnica de execución, das características do seu soporte e que se poden comprobar pola analoxía doutros traballos do autor, na tramitación do expediente avaliarase a viabilidade e, se é o caso, a conveniencia do seu traslado a unha localización máis oportuna en que se aseguren as adecuadas medidas de conservación, se eviten as condicións que producen a súa deterioración e que se poida facilitar a súa visita pública.

En calquera caso, e posto que os valores culturais do mural están ligados tamén á súa apreciación e á sociedade para a cal é parte da súa memoria e identidade, un eventual traslado debería condicionarse ao ámbito xeográfico en que se creou e se recoñeceu durante máis de sesenta anos, conclúe a resolución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta